TURISMO

Turismo de Santiago presenta un avance do seu Plan Estratéxico 2009-2015 ao Consello Sectorial

26/05/2009 O Consello Sectorial de Turismo do Concello de Santiago, no que están representados os axentes vinculados co sector turístico da cidade, reuniuse no Auditorio de Galicia. Na orde do día incluíase unha presentación do avance do Plan Estratéxico de Turismo de Santiago para o período 2009-2015, un documento que marcará o camiño a seguir nestes anos para Turismo de Santiago.

O Plan Estratéxico está xa rematando a súa fase de análise e neste momentos comeza xa a elaborarse as principais liñas estratéxicas que se recomenda seguir nos vindeiros anos para a consolidación de Santiago como un destino turístico internacional de calidade. Para a súa elaboración, entre outras ferramentas, constituíronse sete grupos de expertos que trataron múltiples aspectos da realidade turística da cidade. Tras a presentación, houbo un intercambio de ideas para que os membros do Consello puideran facer tamén as súas achegas ao documento, que se prevé que esté finalizado no mes de xullo.

Na reunión tamén se creou unha Comisión específica dentro do Consello para o Ano Santo Compostelán 2010. A Comisión tratará os temas que competen ao Concello de Santiago de cara ao evento, que son a correcta disposición na cidade de todos os servizos de acollida dos visitantes e os sistemas de información turística.

Na reunión do Consello presentáronse ademais os proxectos de reformulación da central de reservas de Turismo de Santiago e do Santiago de Compostela Convention Bureau, que teñen coma obxectivo mellorar os procesos de comercialización dos recursos turísticos de Santiago, xerando ingresos que se podan reinvestir na propia promoción e comercialización da cidade.

O outro tema que se tratou no Consello foron as actuacións que se están a levar a cabo nos Camiños de Santiago no termo municipal. Turismo de Santiago asinou un protocolo de colaboración co Xacobeo para a rehabilitación de todos os camiños dentro do termo municipal. Turismo de Santiago desenvolveu no 2008 un estudo integral de necesidades para a posta en valor do Camiño de Santiago.

A primeira actuación levouse a cabo no verán do 2008, coa sinalización do tramo urbano do Camiño Francés. Agora desenvolveranse tres obras de rehabilitación e sinalización do Camiño de Santiago, seguindo as liñas de actuación propostas nese estudo, cun orzamento global dun millón de euros, financiados polo Fondo de Investimento Local. As obras faranse no Camiño Francés e no Camiño a Fisterra, os que teñen maior fluxo de peregrinos.

Compartir: