XUNTA DE GOBERNO

Aprobado un novo proxecto de alumeado ornamental para a Alameda

26/05/2009 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de instalación de diverso alumeado ornamental na Alameda. A actuación consiste na implantación dunha serie de proxectores que, equipados con lámpadas de haloxenuros metálicos de alta eficiencia, proporcionarán unha iluminación de acento ou ornamental aos distintos monumentos.

O Concello dará traslado do informe técnico ao Consorcio, encargado de executar a obra. Esta nova iluminación situarase en Porta Faxeira (fonte barroca e escalinata do Paseo Central), entrada do Paseo dos Leóns, paso peonil e laterais da escalinata do Paseo Central, igrexa do Pilar, fonte do Paseo Central, fonte de mármore do Paseo das Palmeiras, monumento a Rosalía de Castro e monumento a Pais Lapido. Esta dotación engádese ao novo alumeado público da área, recentemente inaugurado e tamén executado polo Consorcio.

Na mesma sesión da Xunta de Goberno nomeouse o arquitecto municipal que supervisará outra obra a executar polo Consorcio, a de restauración da antiga Calzada Real de Sar. Cómpre lembrar que a restauración deste vieiro implicará o mantemento e reutilización de todas as pezas orixinais da Calzada que se atopen en bo estado de conservación, completando o resto con pezas do mesmo material. Ademais, habilitarase unha beirarrúa con grandes lousas de cantería na marxe das vivendas para facilitar a circulación dos veciños.

Urbanismo
No ámbito do Urbanismo, acordouse reservar por un ano a parcela DM-1 do SUNP 14 de Tras Paxonal para a implantación dun centro de día e ocupación para persoas con dano cerebral adquirido. Do mesmo xeito, iniciouse o iniciar o expediente para outorgar á Asociación de Dano Cerebral de Compostela "Sarela", polo prazo de 30 anos prorrogables e ata un máximo de 75 anos, unha concesión demanial sobre a devandita parcela, de 800 metros cadrados.

Centros Socioculturais
En materia de Centros Socioculturais, acordouse prorrogar o contrato do servizo de coordinación e dinamización dos espazos de lectura e xogo, dinamización por medio de obradoiros e animación de aulas e espazos integrados na rede sociocultural municipal. A prórroga esténdese ata que remate o proceso de contratación, feito que debería producirse antes do 31 de outubro de 2009.

Educación
Finalmente e a proposta da concelleira de Educación, elevouse a definitiva a adxudicación do servizo de explotación do Centro de Coñecemento do Medio Rural de Portela, na parroquia de Figueiras. O importe de adxudicación foi de 59.200 euros máis IVE.

Documentos relacionados



Compartir: