Homenaxe 11-M

Compostela homenaxea ás víctimas do terrorismo

10/03/2005 Compostela lembras ás víctimas do 11-M
cunha concentración silenciosa e unha ofrenda floral

Cunha concentración silenciosa e unha ofrenda floral a cidade de Santiago lembrará, no Día Europeo das víctimas do terrorismo, o aniversario do brutal atentado do 11-M en Madrid así como a todas as víctimas do terrorismo.

A concentración silenciosa terá lugar as 12:00 horas na Praza do Obradoiro e responde á convocatoria realizada pola Federación de Municipios e Provincias de España (FEMP) na na que se convoca a todos os cidadáns a lembrar ás 192 víctimas mortais dos salvaxes atentados perpetrados o 11 de marzo de 2004 en Madrid así como a todas as víctimas do terrorismo. Esta convocatoria da FEMP responde á petición expresa do alcalde de Madrid, Alberto Ruiz Gallardón.

Posteriormente, ás 12.30 horas, realizarase unha ofrenda floral diante da oliveira plantado fronte ao Instituto Rosalía de Castro o pasado ano en homenaxe ás víctimas do 11-M. A cidade depositará 192 rosas bermellas neste lugar nun sencillo acto que estará precedido pola interpretación dunha breve peza musical de Bach a cargo da violonchelista da Real Fílharmonía de Galicia, Bárbara Switalska.

Pola súa banda a Asociación de Víctimas do Terrorismo (AVT) conmemorará o Día Europeo das Víctimas do Terrorismo convidando aos cidadáns a participar nunha solta de globos que terá lugar no mesmo Obradoiro entre as 16.00 e as 19.00 horas.

Perto de de mil globos brancos estarán a disposición dos cidadáns que poderán escribir neles as súas mensaxes de solidariedade e cariño cos familiares e amigos das víctimas do terrorismo. Neste mesmo acto un gran globo aerostático estará emprazado no Obradoiro.



Compartir: