UMAD

Clausúranse as actividades do programa "De bo rollo" nos IES Eduardo Pondal e Antón Fraguas

25/05/2009 Dentro das actuacións preventivas que vén realizando a Unidade Municipal de Atención a Drogodepentes (UMAD) no ámbito escolar, atópase o Programa De bo rollo. Con motivo da clausura da edición 2008-2009 desta iniciativa, celebrarase unha festa con diversas actividades nos IES Eduardo Pondal (mércores 27 de maio, ás 12:25 horas) e Antonio Fraguas (xoves 28 de maio, á mesma hora).

Estes dous centros educativos foron nos que se realizou o proxecto De bo rollo no tempo de recreo. Na festa que servirá para pechar as actividades realizaranse diversas actividades lúdico-educativas organizadas polas/os educadoras/es, e polo alumnado asistente ao longo do ano.

Neste curso 2008-2009 levouse a cabo a avaliación do programa co obxectivo de coñecer a súa eficacia como programa de prevención universal.De bo rollo é un programa de intervención socioeducativa que se desenvolve de xeito experimental en centros da ESO do Concello dende o curso escolar 2005/06.

Abrangue tres proxectos, dous dos cales están centrados no traballo nas aulas e outro no traballo nos recreos. Nas aulas desenvólvese o Proxecto de habilidades para vida. Así, nos cursos de 1º, 2º e 3º da ESO, o obxectivo e a aprendizaxe e adestramento nas habilidades para a vida (competencias persoais e sociais) durante oito sesións. Lévanse a cabo na aula en horario de titoría e son impartidas por dous profesionais externos ao centro educativo. Neste caso clausúrase a actividade realizada con alumnos de 4º curso da ESO co taller denominado "Información en formación en drogodependencias".

Tamén nas aulas se puxo en marcha o Proxecto de intervención educativa individualizada alternativo á expulsión. Condúceo un psicopedagogo da UMAD co obxectivo de dar resposta aos problemas de convivencia. Para iso realízase unha intervención preventiva individualizada co alumno/a para combater o absentismo escolar, así como as manifestacións de condutas disruptivas nas aulas.

Xa nos recreos, desenvólvese o Proxecto para a convivencia democrática no tempo de recreo. Con esta iniciativa preténdese dinamizar os recreos, con diferentes actividades lúdicas e experiencias que potencien a participación activa da comunidade educativa. Ademais, promóvese a aprendizaxe cooperativa e exercítanse as habilidades sociais traballadas nos obradoiros na aula.

Compartir: