CONSORCIO

O violinista Cho-Liang Lin acompaña á Real Filharmonía nun novo concerto

25/05/2009 O penúltimo dos concertos da Filharmonía no Auditorio de Galicia terá como protagonista ao violinista taiwanés Cho-Liang Lin, quen chega a Santiago cun instrumento modelo Guarnieri del Gesú de 1734. Para a ocasión, o mestre Ros Marbà preparou un programa con obras de Rodrigo, Barber e Bizet. Será o mércores 27 de maio, ás 21:00 horas.

O recoñecido violinista taiwanés Cho-Liang Lin comezou os estudos á idade de 5 anos e, tempo despois, os seus pais decidiron, ao ver o talento de seu fillo, envialo a Australia. En 1972 inicia estudos en Sidney co mestre Robert Pikler. En 1975 foi estudar á Juilliard School de Nova Iorque, con Dorothy DeLay e aos 18 anos foi invitado para tocar o concerto de Chaikovski co Filharmónica de Berlín, dirixida por Riccardo Muti.

En 1977 gañou o primeiro premio do Concurso Internacional Reina Sofía, de Madrid. En 1980, o veterano mestre da Orquestra de Filadelfia Eugene Ormandy chamou a Lin para tocar un concerto de Sibelius, xa que o solista Henryk Szeryng non puido presentarse. A pesar de que só dispuxo de pouco máis dun día de preparación, Lin tivo unha excelente presentación do concerto. Para Decca gravou o Concerto para violín e guitarra de Aaron Jay Kernis. En 1997 foi nomeado instrumentista do ano pola revista Musical America.

A Real Filharmonía preséntase en Sevilla
Logo de viaxar a Oviedo e á Casa da Música de Porto, onde foi a primeira orquestra española en actuar no emblemático edificio, a Real Filharmonía de Galicia actúa por primeira vez no Teatro da Maestranza de Sevilla, cun dobre concerto. Así, os días 29 e 30 de maio, a orquestra compostelá remata a súa tempada de concertos en xira da primavera 2009. O concerto, que conta coa colaboración de Caixanova, confirma a proxección exterior que nos últimos meses está a ter a RFG.

Compartir: