CONSORCIO

O Programa ConCiencia trae a Santiago un ano máis a persoeiros da máxima relevancia científica mundial

25/05/2009 O Premio Nobel de Química en 1987, o francés Jean-Marie Lehn, abrirá o xoves 28 a cuarta edición do Programa ConCiencia, organizado polo Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago. A Lehn seguiralle o 1 de xuño o Nobel de Física en 1980, James Watson Cronin, e o 15 de xuño o recente Nobel de Química (2006), Roger David Kornberg.

O Premio Nobel de Química en 1987, o francés Jean-Marie Lehn, abrirá o xoves 28 a cuarta edición do Programa ConCiencia, organizado polo Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago. A Lehn seguiralle o 1 de xuño o Nobel de Física en 1980, James Watson Cronin, e o 15 de xuño o recente Nobel de Química (2006), Roger David Kornberg.

O Programa ConCiencia é xa "o programa de comunicación de ciencia de máis impacto en Galicia", en palabras do seu coordinador, Jorge Mira. Con esta edición xa serán 15 os persoeiros científicos de primeiro nivel que, tendo recibido o Premio Nobel ou galardóns análogos, teñen pasado por Compostela. Isto fai que esta iniciativa "sexa un motivo de orgullo", apuntou o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen confirmou que "probablemente non hai un programa semellante noutra cidade".

Tamén o reitor da USC, Senén Barro, insistiu neste carácter de "excepción" que ten un programa como ConCiencia, que este ano traerá a outros catro Premios Nobel a Santiago. Ademais dos tres anunciados, está previsto un cuarto persoeiro para o segundo semestre do ano, pendente de confirmación.

Nesta edición tamén se continúa coa intención de levar a estes científicos a diferentes lugares da cidade. Así, mentres a conferencia de Jean-Marie Lehn será no Hostal dos Reis Católicos, a de James Watson Cronin terá lugar no CGAC e a de Roger David Kornberg no Teatro Principal.

Jean-Marie Lehn
O profesor da Universidade francesa Louis Pasteur, Premio Nobel de Química en 1987, inaugurará a cuarta edición de ConCiencia cunha conferencia titulada "Da materia á vida: Química? Química!. será ás 20.00 horas no Hostal dos Reis Católicos e contará con tradución simultánea.

A academia sueca recoñeceu o traballo de Lehn polo "desenvolvemento e uso de moléculas con interaccións específicas de estrutura de alta selectividade". Así, os procesos de interacción entre moléculas son determinantes do funcionamento celular e do comportamento físico e químico de infinidade de materiais. Sobre estas bases o profesor Lehn creou e desenvolveu unha nova rama, a química supramolecular.

James Watson Cronin
O profesor dos Institutos Kavli para a Física Cosmolóxica e Enrico Fermi da Universidade de Chicago, James Watson Cronin (Chicago, 1931) intervirá o 1 de xuño cunha conferencia titulada "Algunhas viñetas na historia da investigación en raios cósmicos". A intervención do Premio Nobel de Física en 1980 terá lugar ás 20.00 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea.

Cronin é un recoñecido experimentalista que ten realizado con éxito numerosas probas para estudar a simetría entre a materia e a antimateria. Deses traballos resultou o descubrimento da Violación da Conxugación de Carga e Paridade (CP), que lle valeu o Premio Nobel de Física xunto co seu colega Val Fitch.

Despois de ter recibido o galardón, Cronin interesouse polos raios cósmicos, con experimentos para buscar raios gamma de alta enerxía e para medir raios cósmicos. Tamén é coñecido por ter descuberto o "Efecto Cronin", que describe que a unión de nucleóns en átomos pesados afecta ás interaccións a altas enerxías.

Roger David Kornberg
Os seus estudos das bases moleculares da transcrición eucariota valéronlle Roger David Kornberg (USA, 1947), profesor da Universidade de Stanford, o Premio Nobel de Química en 2006. Intervirá no Programa ConCiencia o 15 de xuño, ás 20:00 horas, no Teatro Principal.

O profesor Kornberg utilizou unha técnica chamada "difracción de raios X" para estudar os diferentes complexos moleculares implicados no proceso da transcrición xenética. A súa descrición é tan precisa que permite distinguir cada átomo nas moléculas e foi iso o que permitiu por primeira vez entender en detalle como ten lugar ese proceso fundamental en todos os organismos vivos.

Roger David é fillo de Arthur Kornberg, premiado con Nobel de Medicina en 1959 (compartido con Severo Ochoa) por un estudo semellante ao do seu fillo: investigou sobre a maneira na que a información xenética era transferida dunha a outra molécula de ADN.

Premio Fonseca
Por outra parte, o martes 26 reunirase o xurado para elixir e facer público en rolda de prensa o galardoado na segunda edición do Premio Fonseca. Cómpre lembrar que na primeira convocatoria o premiado fora Stephen Hawking. Jorge Mira recordou o gran recordo que ten o científico británico da súa estancia en Santiago e do Premio Fonseca, que colocou a carón do Premio Príncipe de Asturias recibido en 1989.

Compartir: