FESTAS

O concelleiro de Festas destaca a alta participación e bo ambiente dos cinco días da Ascensión

24/05/2009 Despois de cinco días de festa, a Ascesión despídese ata o 2010. No Campus Sur, nas prazas do casco antigo, na praza Roxa, no recinto feiral de Amio ou no Multiusos do Sar vivíronse momentos con moita música e diversión.

Segundo o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, o tempo acompañou case ata o final da semana a unhas festas moi cidadás nas que destacou o bo ambiente e unha multitudinaria participación en todas as actividades programadas. "Para as festas da Ascesión deste ano preparamos un cartel innovador, con actividades novas as que pretendemos darlle continuidade nos próximos anos, como é o Compostela Skate e o Rock na Ascensión", sinalou.

A tarde do sábado 23 viuse un pouco deslucida pola presenza da chuvia, que impediu finalizar o campionato de Chave. Segundo o coordinador da actividade, Xosé Puente, as 35 parellas volverán á competición un sábado do mes de xuño. Algo similar ocorreu co campionato Compostela Skate, que só puido celebrar a súa primeira manga. Así, os premios entregáronse aos clasificados da primeira volta da proba.

Moby Dick no Toural
Na mañá do domingo 24, os cativos da cidade tiveron a oportunidade de vivir unha función de teatro de rúa no Toural. A compañía Os Quinquilláns preparou un espectáculo baseado na obra Moby Dick, de Herman Melville. Todas os actores, incluído o capitán Ahab, ían caracterizados cunha máscara mentras cantaban cancións piratas e brincaban pola estrutura que simulaba ser unha nave, á espera de pescar á gran balea branca.

A partir das 19:00 horas, o Toural ía acoller a actuación de cinco corais: La Salle, Coto da Nai, Irmán Gómez, Xúbilo e Cantigas e Agarimos, e como mestra de cerimonias a xornalista Carmela Pardal.

Compartir: