ALCALDÍA

A reurbanización das rúas Galeras, Salvadas e Vista Alegre converterá a zona nun novo espazo urbano de calidade

22/05/2009 As rúas Galeras, Salvadas e Vista Alegre experimentarán unha transformación integral coas obras de urbanización que se desenvolverán a partir do verán. Este tramo, entre O Pombal e o cruce coa avenida de Castelao, vaise converter nun espazo totalmente urbano, no que ademais se crearán novos lugares singulares.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, valorou a "mellora na imaxe urbana e na calidade de vida" que vai supor esta reurbanización, "unha das máis potentes feitas na cidade". Proba disto é que abrangue unha lonxitude de 1.220 metros cadrados e vai supor un investimento de máis de cinco millóns de euros. A obra será licitada na Xunta de Goberno do martes 26 e desenvolverase dende o verán, cun prazo de execución máximo de 14 meses.

Recordou Sánchez Bugallo a evolución desta estrada en diferentes períodos históricos, o que implicou unha "falta de unidade de conxunto". Por isto, esta urbanización tratará esta zona na súa integridade, dándolle o aspecto dun "boulevard urbano, cunha calidade acorde coa singularidade da zona".

Aspecto a destacar, en palabras o rexedor municipal, é o espazo para os peóns que se gañará, con especial atención a aqueles lugares onde agora non hai beirarrúas ou son moi estreitas. Tal é o caso dun tramo a carón do antigo edificio da Casa das Máquinas (futuro Centro de Estudos Locais Ánxel Casal) ou preto do cruce de Santa Isabel. Tamén salientou as tres praciñas que se crearán e as máis de 260 árbores que se plantarán.

Reordenación viaria e tratamento singular
Acompañaron ao alcalde na presentación o concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, e un dos arquitectos do proxecto, José Díaz, que explicou polo miúdo as principais características da reurbanización. Así, destacou como obxectivos converter este viario de acceso á cidade nun espazo urbano, potenciar a peonalidade e abordar a reordenación da sección viaria. Neste sentido, indicou que a obra permitirá resolver as desigualdades e diferentes rasantes existentes nos diferentes tramos da rúa.

Grazas a esta actuación abordarase o tratamento diferencial de varios espazos singulares. Así sucederá co Campo das Hortas e coa Calzada de Carmen de Abaixo, cuxos proxectos estarán coordinados co que agora comeza, particularmente para darlle un tratamento uniforme na confluencia coa rúa Entregaleras. De xeito semellante actuarase na unión coa rúa Entrerríos, reordenando a sección rodada e ampliando as beirarrúas ata o muro da Horta de San Francisco. Renovarase a pavimentación de lousa de granito e chapacuña.

Tres prazas
Outros elementos singulares serán as prazas. Así, na de Santa Isabel, a carón do pavillón, incorporarase un amplo espazo de acceso ás instalacións deportivas ata as edificacións da Corredoira do Morón. Recompoñeranse as trazas reticuladas do antigo Cuartel e plantaranse árbores para a súa integración na rede de espazos libres do oeste da cidade, dende o parque do Auditorio e a finca Vista Alegre ata o parque de Santa Isabel.

Na rúa das Salvadas, acometerase outra praciña, urbanizando as dúas terrazas que conforman este espazo e estendendo o tratamento pétreo. Ademais, potenciarase o seu carácter estancial. Finalmente, na praza existente antes de chegar ao cruce coa avenida de Castelao renovarase a pavimentación con lousado de granito, estendendo o espazo ata integrar o Camiño de Lermo e integrando a fonte e o cruceiro existentes.

Cotas de urbanización en San Lázaro
Na súa habitual rolda de prensa dos venres, o alcalde tratou outros asuntos da semana. Así, en relación coas cotas de urbanización que debía satisfacer a Xunta de Compensación do polígono 6 de San Lázaro, indicou que houbo "unha sucesión de erros importantes", pero afirmou que "isto non tivo consecuencias negativas para a Administración Local".

Sánchez Bugallo apuntou que, coñecidos os erros, "se tomaron todas as medidas que era razoable tomar". Neste sentido, recordou que xa se cobraron 560.000 euros. Os outros 840.000 euros serán sufragados en tres prazos, segundo a proposta que lle transmitiu ao alcalde o tesoureiro. O primeiro terzo pagarano de forma inmediata, outro terzo no segundo semestre de 2009 e o restante no primeiro semestre de 2010.

"É evidente que houbo problemas de coordinación e supervisión" dese expediente, indicou. Para evitar que estes problemas se podan volver a reproducir, o alcalde ordenou revisar todos os proxectos de compensación dos últimos dez anos. Igualmente, encomendou ao secretario municipal un informe reservado para "corrixir as causas deste erro". De feito, dixo, "este erro xa foi corrixido e hoxe sería virtualmente imposible que se producira, porque está totalmente informatizado o proceso e porque se fixa claramente en todos os expedientes a data de pagamento".

Boas cifras do aeroporto
Coñecidas as cifras do mes de abril no aeroporto compostelán, Sánchez Bugallo subliñou que "o traballo que se vén facendo vai dando froitos", malia o un momento "extraordinariamente cambiante" no transporte aéreo. "A previsión é que a oferta nos vindeiros meses vai ser boa e a perspectiva para 2010 é aínda mellor", engadiu. Nesta liña, referiuse ao "traballo con discreción e prudencia" que se vén realizando.

Documentos relacionados



Compartir: