FESTAS

Unhas 16.000 persoas participaron no Concurso Cabalar da Ascensión

21/05/2009 Celebrouse no recinto feiral de Amio o Concurso Cabalar Ascensión 2009, que un ano máis contou cunha alta participación. Igualmente masiva foi a primeira xornada das Festas, especialmente grazas ao concerto de Los Delinqüentes no Campus Sur.

Segundo o coordinador da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, Xacobe Pérez Paz, o Concurso Cabalar da Ascensión contou cunha alta participación, aproximadamente 16.000 persoas. Como é tradicional, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, desprazouse ata a Feira para contemplar os diferentes concursos e exhibicións, acompañado doutros membros da Corporación.

En canto aos premiados no certame, o Gran Premio do Concello "Dragóns de Santiago 2009" foi para o cabalo Balboa, que á súa vez fora o gañador na modalidade de cabalo de pura raza galega dentro do Concurso Morfolóxico. Na categoría de egua de pura raza galega a galardoada foi Cereixa, pertencente a Antonio Porca (Betanzos). En eguas cruzadas a premiada foi Limonera, de Marcos Cajaraville, e en cabalos cruzados, Marismeño, da gandeiría Patiño-Villán, de Vilagarcía de Arousa

No Concurso de Andadura Galega Serrada (dous tempos) o triunfador foi o cabalo salvase presentado por Iván Santiago. Finalmente, en Andadura Galega Chapeada (catro tempos), o gañador foi Madrileño, de Miguel Ángel López.

Nancho Novo no Principal
Por outra parte, o actor Nancho Novo presentou no Teatro Principal o seu último espectáculo, Sobre flores y cerdos, que se poderá ver o venres 22 ás 21:00 horas. Trátase dun espectáculo auténtico, con produción contemporánea e unha visión diferente do amor, no que se empregan textos clásicos de Valle Inclán, López de Vega ou mesmo retais da mitoloxía india. "É un espectáculo con Nacho en estado puro, no que vou a peito descuberto desnudándome diante do público", indicou o actor. "É unha reflexión, unha postura vital fronte ás emocións dos seres humanos", engadiu.

O espectáculo é un monólogo dunha hora e media de duración no que se falará do amor e doutros sentimentos relacionados, en termos de moito humor. O actor estará acompañado por un pianista que interactuará con el e mesmo para interpretar varias cancións. Nancho Novo asegurou que non se trata dun monólogo común, xa que se sae dos parámetros coñecidos como o Club da Comedia e a Paramount Comedy.

Campionato de chave, skate e Rock na Ascensión
Na xornada do venres 22, os máis pequenos terán a súa tarde de lecer cunha Festa Rock Infantil na Praza Roxa, onde ademais de baile, karaoke, disfraces e maquillaxes poderán ver unha actuación dun grupo de rock en vivo e en directo, La Banda del Camión. Tamén pola tarde celebrarase na Alameda o tradicional Campionato de Chave, e un pouco máis tarde a actuación da orquestra América. Outra alternativa de lecer é a continuación a actuación de bOnOvO (música electro-acústica).

Como novidade, este ano celebrarase o Compostela Skate’09, un campionato que se celebrará durante toda a xornada do venres. Haberá exhibición de breakers, skaters e graffitis. Os dez primeiros clasificados recibirán premios en metálicos (dos 1.000 aos 100 euros), trofeos e material deportivo. Os que resistan a actividade de todo un día de skate poderán ver os Concertoskate’09, coa música de Tramaturgia, Pa la Peña, Mito Escrito, Bronquitis Crónica, Rack Eterno e De La Hoja.

A noite será para o Rock español de calidade, co Rock na Ascensión. Este festival dividido en dúas xornadas (venres e sábado) contará coa actuación de 12 grupos no Multiusos do Sar. O venres actuarán a partir das 19:30 horas o grupo local Thinking Twice, Pülsar, Boikot, Rosendo, Hamlet e Reincidentes. O sábado tócalles a vez a The Codename, Remake, Barón Rojo, Warcry, Mago de Oz e Def con Dos.

Compartir: