FESTAS

Nena Daconte presenta de balde a súa proposta pop no Campus Sur

20/05/2009 Botaron a andar as Festas da Ascensión. Na súa segunda xornada, o Día da Ascensión, vez para Feira Cabalar e para o concerto de Nena Daconte no Campus Sur.

Na noite do xoves 21, os máis novos poderán gozar co concerto de Nena Daconte, que actuará ás 23:00 horas para presentar o seu último traballo, Retales de Carnaval. Como alternativa musical, o grupo funky folk The Jews Brothers Band de Nova Zelandia actuará ás 24:00 horas no Toural, ademais da actuación da orquestra Los Trovadores, a partir das 22:00 horas no paseo central da Alameda.

Concurso Cabalar
A xornada arrincará co tradicional Concurso Cabalar, a partir das 9:00 horas no recinto feiral de Amio. Haberá diversos concursos oficiais e exhibicións da Escola infantil de monta en ponis para nenos e nenas. Ás 13:00 horas procederase á entrega de premios e da gran distinción do Concello de Santiago "Dragóns de Santiago 2009". O acto pecharase con exhibición e doma.

Pola tarde, comezará a terceira edición Volta Ciclista da Ascensión, organizada pola Fundación Compostela Deporte e o Club Ciclista Compostelano-Muebles Compostela e na que participarán 19 equipos. Terán que completar un percorrido de 434,3 quilómetros polas estradas de Compostela e de diversos concellos veciños da Coruña e Pontevedra. A principal novidade da competición é o final da segunda etapa no Concello de Oroso.

Volta Ciclista da Ascensión
As tres etapas da competición comezarán cunha saída neutralizada desde o Centro Comercial Área Central. A primeira etapa, de 140,1 quilómetros, con saída real en Santa Lucía, contará coas metas volantes de Silleda e Padrón e con tres portos puntuables para o Premio da Montaña, os altos de Candán, San Xurxo de Vea e Lampai.

Na segunda etapa o pelotón terá que completar un percorrido de 146 quilómetros. A saída real será dende as instalacións do Grupo Brea, ata chegar a Sigüeiro (Concello de Oroso). As metas voantes desta xornada estarán situadas nas localidades de Ordes, Cerceda e Carballo. E o alto de Enxeriz será o porto puntuable para o Premio da Montaña.

Por último, a terceira etapa contará cunha distancia de 148,2 quilómetros. A saída real estará ubicada á altura da Escola Superior de Hostalería na Barcia. Os cinco portos puntuables para o Premio da Montaña serán os de Moimenta, Aguasantas, Mourentáns, Trasmonte e alto do Vento. As metas voantes estarán ubicadas nas localidades de Bertamiráns e Negreira.

A Volta Ciclista da Ascensión volverá a contar con actividades para os rapaces e rapazas de ate 12 anos na Praza de Europa do Centro Comercial Área Central de Santiago de Compostela o xoves e o venres, nos seguintes horarios: 12:00 a 14:00 horas e 15:00 a 20:00 horas.

Ademais do deporte e o arte cabalar, durante todo o día cinco agrupacións folclóricas (Armanzas, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar, Ultreia e Brincadeira) actuarán polas diversas prazas do casco histórico.

Documentos relacionados



Compartir: