TRANSPORTES

Servizos especiais de transporte urbano para o día da Ascensión e a Festa dos Maiores

20/05/2009 A Concellería de Mobilidade e Transportes, a través das Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA), pon en marcha servizos especiais de transporte urbano para o día da Ascensión e a Festa dos Maiores. Ademais, vén de lanzarse a campaña "Cédalle o paso ao bus".

O concelleiro de Mobilidade e Transportes, Carlos Nieves, e o xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera, explicaron o reforzo do servizo urbano de autobuses. Así, o xoves 21, a liña 1, entre as 08:30 e as 15:00 horas, terá a mesma frecuencia que un día laborable, é dicir, cada 16 minutos. En todas as viaxes prolongará o seu percorrido ata a feira de Amio para que todos os cidadáns e visitantes poidan acudir ao concurso cabalar que se celebra no devandito recinto.

O sábado 23, data na que se celebra a XI Festa para os nosos maiores, porase en marcha un servizo de lanzadeira dende a praza de Galicia ata o recinto feiral de Amio a partir das 12:30 horas. O servizo retornará á praza de Galicia a partir das 18:00 horas. Este servizo será gratuíto para todos os asistentes á Festa.

Campaña "Cédalle o paso ao bus"
Carlos Nieves presentou unha nova entrega da campaña de "Cédalle o paso ao bus", coa intención de concienciar a todos os cidadáns e usuarios do vehículo privado, sobre a necesidade non ver o autobús como un estorbo na rúa, senón que entre todos debemos colaborar na súa fluidez. A campaña consiste en que os autobuses da rede de transporte urbano levarán colocado un adhesivo na parte posterior do autobús coa devandita mensaxe, buscando unha maior concienciación dos condutores.

Compartir: