CULTURA

Xogos tradicionais no Obradoiro para promocionar a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués á Unesco

21/10/2005 Con esta iniciativa, patrocinada pola Concellería de Cultura, preténdese dar a coñecer a candidatura da "Tradición oral galaico-portuguesa: simboloxía e apropiación do medio natural" a Patrimonio oral e inmaterial da humanidade, que foi presentada á UNESCO en outubro e da que se tomará decisión o 25 de novembro.

O venres, 21 de outubro de 2005, ás 10:30 h. na praza do Obradoiro terá lugar un circuíto aberto de elaboración e disfrute de xogos e xoguetes tradicionais. Trátase de divulgar un conxunto de formas da cultura tradicional comúns a Galicia e Portugal e que forman parte dunha identidade única e singular.

O sábado, 22 de outubro de 2005, ás 12 horas no Museo do Pobo Galego, haberá un acto institucional de presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial galego-portugués á UNESCO, baixo a presidencia da Conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo.

Os actos, organizados co patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte, contan coa colaboración do Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e o Concello de Santiago de Compostela. Preténdese así contribuír a dar a coñecer esta iniciativa e a divulgar un conxunto de formas da cultura tradicional común que forman parte dunha identidade única e singular.

A candidatura da "Tradición oral galaico-portuguesa: simboloxía e apropiación do medio natural" a Patrimonio oral e inmaterial da humanidade foi presentada á UNESCO en outubro de 2004. O 25 de novembro de 2005 tomarase a decisión en relación con esta candidatura.

Trátase dunha iniciativa da sociedade civil que ten como obxectivo a divulgación, promoción e preservación da cultura tradicional común a ambas as comunidades, e que abrangue un extenso conxunto de manifestacións que van desde a literatura oral á música e a danza, pasando polas formas de cultura ligadas ao medio marítimo e agrario, polas artes e os oficios, as festividades, a simboloxía e a propia afinidade lingüística.

Compartir: