SANIDADE

O Concello promove a actividade física e os bos hábitos alimentarios na I marcha Saudable

20/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu na Granxa do Xesto aos 120 nenos dos colexios de Vite e Nosa Señora dos Remedios que participaron na I Marcha Saudable, organizada pola Concellería de Sanidade no marco do Programa Concellos Saudables da Xunta de Galicia. Esta marcha quere promover hábitos de alimentación saudables, educando e familiarizando aos nenos de xeito lúdico na diversidade, no sabor dos alimentos e na boa elección, ademais de estimular o hábito da actividade física.

Un grupo de 50 maiores da Aula da Terceira Idade uniuse aos pequenos na Granxa do Xesto, nun particular e saudable intercambio xeracional. Os rapaces saíran ás 10:00 horas do parque de Galeras, e chegaron á Granxa do Xesto hora e media despois. Acompañáronos no percorrido o concelleiro de Sanidade, Andrés Fariña, e persoal das distintas Concellerías implicadas: Sanidade, Educación, Deportes e Benestar Social.

Á chegada, incorporáronse ás actividades o alcalde, a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, e os doutores Rafael Tojo, catedrático e xefe de Pediatría do CHUS; e Rosaura Leis, ambos membros do Comité Científico do Programa Thao de prevención da obesidade infantil.

Despois da rota de sendeirismo, escolares e maiores puideron gozar dunha media mañá saudable, para repoñer forzas despois dunha grande actividade física. Logo realizáronse diferentes xogos populares (petanca, tiro a corda, xogo do pano, trompos, obradoiros...) así como unha exhibición de pesca a cargo de monitores.

Os obxectivos desta actividade eran potenciar a actividade física entre os nosos escolares, favorecer as relacións interxeracionais e fomentar unha alimentación saudable entre toda a comunidade. Tamén foi unha boa ocasión para facilitar a cooperación e colaboración entre os escolares, e lograr tamén do tempo de lecer un momento de diversión e aprendizaxe.

Esta Marcha Saudable contou coa colaboración de Nestlé-Aquarel, que achegou ao Concello 200 augas para os participantes, e Gadisa, que puxo a disposición do Concello dez caixas de froita. A caseta da Granxa do Xesto mantivo aberta as súas instalacións durante todas as actividades programadas e a Sociedade Venatoria realizou a exhibición de pesca.

Compartir: