CIRCULACIÓN VIARIA E OBRAS

Novas modificacións no tráfico por mor das obras de Xeneral Pardiñas, Ensanche vello, praza do Olvido e Hórreo

20/05/2009 O comezo de novas obras do Fondo de Investimento Local (FIL) obrigará a unha reestruturación do tráfico nas zonas afectadas. En concreto, o luns 25 comezarán as obras nas distintas rúas do Ensanche Vello e o mércores 27 no tramo de Xeneral Pardiñas entre Montero Ríos e Carreira do Conde. Ademais, iníciase a intervención na praza do Olvido.

Os concelleiros de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, e de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, presentaron estas modificacións de tráfico, acompañados do xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, e do inspector Lino Senra. Os cambios máis significativos terán lugar coas obras das rúas Gómez Ulla, Pérez Constanti, Neira de Mosquera, Curros Enríquez, Santiago de Guayaquil e Laverde Ruíz.

As restricións nestas rúas comezarán o luns 25 ás 8:00 horas. Uns paneis informativos indicarán en puntos visibles e estratéxicos os cortes de tráfico e os desvíos alternativos. As rúas Gómez Ulla, Pérez Constanti, Neira de Mosquera e Laverde Ruíz quedarán cortadas ao tráfico e prohibirase o estacionamento nelas. Permitirase a entrada de particulares.

O tráfico que proceda da rúa Ramón Piñeiro poderá circular por Irmáns Rey Alvite ata Santiago de Guayaquil, onde xirará á dereita por López Ferreiro-Domingo Fontán- Eduardo Pondal-Bernardo Barreiro. O tráfico procedente de Sar non sufrirá modificacións (segue circulando por Curros Enríquez ata Santiago de Guayaquil e Hórreo).

En todo o período de obras manterase habilitado cando menos un carril de Curros Enríquez. Nesta primeira etapa das obras, este vieiro terá dobre sentido entre Castrón d’Ouro e Bernardo Barreiro, e unicamente un carril en dirección de subida ata López Ferreiro. Santiago de Guayaquil terá un único carril na mesma dirección que ata agora.

Bernardino Rama indicou que a previsión municipal é ter rematadas en agosto as obras de Laverde Ruíz, Gómez Ulla e Neira de Mosquera, así como unha parte importante de Curros Enríquez e Santiago de Guayaquil. Conta con rematarse a totalidade da urbanización destas rúas en outubro.

Xeneral Pardiñas
En canto a xeneral Pardiñas, as obras comezarán o mércores 27, cunha duración prevista de catro meses. Esta rúa, no tramo comprendido entre Montero Ríos e a Carreira do Conde, quedará cortado ao tráfico a partir desta data ás 8:00 horas. Tamén estará prohibido o estacionamento; permitirase o acceso de particulares aos garaxes, que entrarán por Carreira do Conde e sairán cara a Campo da Estrela-Senra.

Deste xeito, a rúa Carreira do Conde cambia o sentido de circulación. Éntrase dende Rapa da Folla e sáese cara a Senra. Reducirase o actual estacionamento debido á necesidade de situar nesta rúa os contedores e a zona de carga e descarga de Xeneral Pardiñas.

Praza do Olvido
Polo que a modificacións por obras do FIL se refire, tamén a partir do luns 25 ás 8:00 horas, quedará prohibido o estacionamento na rúa e na praza do Olvido, debido ás obras de reurbanización.

A concelleira de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, anunciou que dende o mércores 20 se deixará comunicacións nos parabrisas dos vehículos a fin de que o domingo 24 pola noite este a área totalmente despexada. Unicamente se dará servizo aos garaxes das vivendas e ao estabelecemento hostaleiro alí existente.

Modificacións en Fernando III o Santo polas obras do Hórreo
Finalmente, por mor das obras de construción do túnel do Hórreo, a rúa Fernando III o Santo, na súa confluencia coa rúa do Hórreo, quedará reducida a un carril de circulación. A restrición circulatoria producirase o martes 26 e o mércores 27 durante todo o día.

Compartir: