XUVENTUDE

Os alumnos do IES Rosalía de Castro asisten a unha xornada formativa sobre educación sexual e voluntariado

19/05/2009 O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, visitou o IES Rosalía de Castro para o coñecer o desenvolvemento do InformaXove’09. Trátase dunha experiencia piloto na que ao longo da mañá grupos de estudantes dese centro (ESO e Bacharelato) participan en catro sesións de traballo dirixidas por profesionais de colectivos con experiencia nestes contidos.

Os monitores do Centro Xuvenil Don Bosco, Xeneme Intervención social e IGAXES encargáronse de dirixir estas sesións, que versaron sobre educación afectivo sexual, voluntariado 010, Programa Europeo Xuventude en Acción e xuventude e cidadanía. Baqueiro aproveitou tamén a visita para conversar co director do centro, así como co equipo directivo para coñecer a súa opinión e valoración da actividade.

Para o desenvolvemento desta actividade contouse cunha carpa instalada na zona do pavillón polideportivo do instituto. De xeito complementario a esta actividade, pola tarde, ás 19:00 horas, estaba previsto un concerto para todo o alumnado do centro, coa actuación do grupo gañador de pop do I Certame de MúsicaXove’08, Sinestesia, e do gañador da segunda edición do certame en hip hop, Tramaturgia.

Compartir: