FACENDA E ORZAMENTOS

O Concello fomentará a práctica deportiva

20/10/2005 O concelleiro de Facenda, Xoaquín Fernández Leiceaga, explicou que se facilitará o uso das instalacións deportivas municipais eximindo do pago de prezos públicos polo uso das mesmas á maioría dos composteláns.

Esta medida, "necesaria para fomentar a práctica do deporte", destacou Leiceaga, fundaméntase en que "cada vez son máis os informes que recomendan a gratuidade das instalacións deportivas."

O pago de prezos públicos polo uso deste tipo de instalacións municipais será obrigatorio cando se usen para espectáculos deportivos e extradeportivos, actos non federativos nos que se cobre entrada e acontecementos con fins non deportivos e de carácter comercial.

Esta decisión supón que o Concello deixe de recadar cerca de vinte mil euros, o que segundo Leiceaga "está xustificado polos beneficios que producirá a medio e longo prazo".

Esta foi unha das modificacións incluídas no proxecto de Ordenanzas Fiscais para o 2006 acordado na Xunta de Goberno extraordinaria, e que será aprobado definitivamente no Pleno municipal do xoves 27 de outubro.

O concelleiro de Facenda tamén explicou que a partir do 1 de xaneiro de 2006 aplicarase o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) a tódalas tarifas susceptibles de ser actualizadas anualmente, co fin de que o Concello non perda capacidade recaudatoria. Esta medida afecta a ordenanzas nas que se regula o imposto sobre vehículos de tracción mecánica, as taxas correspondentes a expedición de documentos administrativos, ao cemiterio municipal, ás casetas e postos de venda así como a espectáculos e atraccións situados na rúa, entre outras.

Tamén foron susceptíbeis de reforma as ordenanzas referidas ás taxas polo estacionamento, retirada e recollida de vehículos de tracción mecánica nas rúas, e as esixidas polo saneamento e depuración de augas residuais así como pola subministración de auga e conservación de contadores.

O incremento das tarifas farase de acordo ao IPC do período setembro 2004-setembro 2005, no que foi do 3.7%

Compartir: