XUVENTUDE

O IES Rosalía de Castro acolle a experiencia piloto "InformaXove’09" ao longo da mañá do martes

18/05/2009 Ao longo dos últimos meses estase a desenvolver un conxunto de iniciativas que procuran dar resposta aos intereses e demandas dos mozos de Compostela. Nesta ocasión, no IES Rosalía de Castro, realizarase unha experiencia piloto, InformaXove’09. Trátase de que ao longo da mañá grupos de estudantes dese centro participen en catro sesións de traballo sobre educación afectivo sexual, voluntariado, Programa Europeo Xuventude en Acción e xuventude e cidadanía.

Estas sesións están dirixidas por profesionais de colectivos con experiencia nestes contidos (Centro Xuvenil Don Bosco, Xeneme Intervención social e IGAXES) sobre os seguintes centros de interese. Os horarios son os seguintes: educación afectivo sexual, de 10:00 a 10:40 horas; voluntariado 010, de 10:40 a 12:00 horas; Programa Europeo Xuventude en Acción, de 12:00 a 12:45 horas; e xuventude e cidadanía, de 12:45 a 13:30 horas.

Para o desenvolvemento destas actividades contarase cunha carpa instalada na zona do pavillón polideportivo, no que terá lugar este encontro entre profesionais e grupos de alumnos dos instituto. O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, visitará esta carpa ás 12:00 horas para observar e valora o desenvolvemento desta experiencia piloto.

Pola tarde, como complemento ás actividades da mañá, terá lugar un concerto para todo o alumnado do instituto, no que actuarán o grupo gañador do 1º Certame MusicaXove´08, Sinestesia, e o gañador da segunda edición, Tramaturgia.

Compartir: