LETRAS GALEGAS

Ábrese a primeira zona oficial adscrita ao Libro-Libre en Compostela

16/05/2009 O Centro de Interpretación Medioambiental da Alameda foi o espazo escollido como a primeira zona adscrita ao Libro-Libre en Santiago. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, uniuse a esta iniciativa e liberou libros neste lugar, no marco dos actos de A Revolta das Letras, con motivo do Día das Letras Galegas.

O alcalde estivo acompañado nesta liberación de libros polas concelleiras de Cultura, Socorro García Conde; Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos; e Cidade Histórica, Olga Pedreira, departamentos impulsores desta iniciativa, ademais de por outros membros da Corporación. Máis tarde, producíronse tamén liberacións salvaxes nos parques da Alameda e de Bonaval e nas prazas de Oliveira e da Quintana.

O 14 de maio presentouse a web www.libro-libre.org, coa que a literatura galega e en galego se suma á rede "Bookcrossing", que promove a liberación de libros a nivel mundial. A nova web é un espello da rede internacional de "Bookcrossing" e, aínda que se amosa cun interface en galego, os datos introducidos pasan a unha base de datos global.

Nesta web, cada usuario tense que rexistrar para liberar os seus libros e ofrecelos aos demais integrantes da rede, indicando a zona de liberación na que o deposita. Estas poden ser oficiais -as xa rexistradas- ou salvaxes, isto é ao aire libre -prazas, parques, etc.- a fin de que poida recollelo calquera viandante pola rúa.

Compartir: