ALCALDÍA

A nova estación depuradora da conca do río Aríns poderá atender a máis de 16.000 habitantes

16/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, visitaron a nova estación depuradora da conca do río Aríns. Está previsto que esta infraestrutura medioambiental se poña en marcha no prazo dun mes e medio.

A apertura da rede de saneamento da conca do río Aríns resolverá as necesidades desta área durante os vindeiros anos. As intervencións alcanzan unha superficie de 33,6 quilómetros cadrados e un ámbito de actuación duns 4.000 habitantes das parroquias de Aríns, Marrozos, Eixo (Santa Lucía), Bando, San Pedro de Sar e Lamas de Abade, nas que se concentra a maior parte da poboación.

Na previsión inclúese tanto a poboación actual como a futura, que se incrementará con zonas residenciais como as de Aríns-Monte do Gozo ou Lamas de Abade, cun horizonte de 25 anos. Deste xeito, a depuradora terá capacidade para atender a máis de 16.000 habitantes.

Un dos ámbitos de actuación é a construción do colectores xerais dos ríos Aríns e Peiras, e das zonas de Bornais, O Sisto e A Susana. Son 15 quilómetros de colectores, que logo se ramifican en colectores secundarios.

As augas recollidas serán levadas ata a nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), que está preparada para tratar un caudal duns 5.600 m m3/d. As súas instalacións contan con tratamento biolóxico, tratamento de lodos e tratamento de desinfección.

Esta infraestrutura permitirá reducir en parte as futuras achegas á sobrecargada EDAR existente en Silvouta. A depuradora está nunha parcela de 6.000 metros cadrados, preto do límite do Concello de Santiago con Vedra.

Ademais do alcalde e do conselleiro de Medio Ambiente, na visita tamén participaron a presidenta de Augas de Galicia e da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH), Ethel Vázqez Mourelle, e varios membros da Corporación Municipal.

Compartir: