PROMOCIÓN ECONÓMICA

Ponse en marcha o proxecto "Equal Compostela Social, contigo para emprender"

20/10/2005 A concellería de Promoción Económica do Concello de Santiago coordina un proxecto que trata de fomentar a cultura emprendedora. Nel participan, ademais do Concello de Santiago, os concellos da mancomunidade (Ames, Brión, Teo, Val do Dubra, Boqueixón, Vedra), xunto a algunhas das principais organizacións públicas e privadas con presencia na nosa cidade.

O xoves 20 de outubro presentouse a campaña de promoción do Equal Compostela Social, que inclúe unha campaña de captación de usuarios a través de sete coches, un para cada concello, que achegarán información sobre o proxecto durante os vindeiros días. Ademais, celebrouse unha xornada de presentación do proxecto Equal Compostela Social, baixo o título "A incorporación sociolaboral polo emprendemento", no Auditorio de Galicia.

Mulleres maiores de 45 anos, mozos sen cualificación, familias monoparentais, parados de longa duración, discapacitados e vítimas de violencia doméstica son os principais destinatarios deste programa, que trata de facilitar o acceso ao autoemprego ás persoas con dificultade para o aceso ao mercado laboral.

O proxecto Equal funciona, basicamente, do seguinte xeito: tras unha diagnose sociolaboral que estuda o seu perfil, o usuario accede ao programa participando nun período de formación durante 3 meses nos que comeza a deseñar o seu proxecto de empresa coa axuda dun equipo técnico. Logo o usuario entra na fase de posta en marcha da súa empresa, asesorado, informado e guiado pola equipa técnica.

Cofinanciado polo Fondo Social Europeo, o proxecto ten un orzamento de algo máis de 1.300.000 euros e prevé atender arredor de 200 usuarios.

Compartir: