COMERCIO

Promoción Económica e a Deputación da Coruña ultiman a aplicación do Plan Estratéxico do Comercio

15/05/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, vén de manter unha entrevista co vicepresidente da Deputación da Coruña, Pablo Villamar, na que se estudou o convenio de colaboración que se asinará para a aplicación do Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, que ten como obxectivo fortalecer o sector para facelo máis dinámico e competitivo.

A Concellaría de Promoción Económica e Comercio conta, dentro dos seus obxectivos, co de impulsar e fortalecer o comercio da cidade coma un dos eixes fundamentais de crecemento económico. O sector comercial compostelán é un elemento decisivo no desenvolvemento económico e social do Concello de Santiago como elemento de impulso, desenvolvemento e estruturación de espazos urbanos. Ademais, na actual conxuntura económica o comercio é un dos ámbitos máis afectados, xa que sofre non só os problemas comúns ao conxunto do tecido empresarial senón tamén o efecto da crise de consumo doméstico que esta afectando ao noso país.

O Plan Estratéxico do Comercio Compostelán terá en conta a actual situación do comercio en Santiago. Recollerá, ademais a experiencia e información que a execución do Plan de Excelencia Comercial, desenvolvido en 2007, aportou ao Servizo de Apoio á Empresa da Concellaría de Promoción Económica e Comercio, un servizo que pon a disposición das persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalos no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios.

O Plan de Excelencia Comercial, baseado na Diagnose sobre o sector comercial e a hostalería elaborada en 2006, foi o primeiro plan estruturado de apoio ao comercio de Santiago, especialmente ao comercio tradicional. Contou cun orzamento de 289.022 euros, grazas a un convenio asinado entre a Concellaría de Promoción Económica e Comercio e a Deputación da Coruña.

No marco deste plan desenvolvéronse múltiples actividades de dinamización comercial. Algunhas xa consolidadas, como o Concurso de Escaparatismo ou Compostela, capital de compras, e outras novas, como Marzo, mes do comercio. Tamén se puxo en marcha un Servizo de Asesoramento ao Comercio e un programa en colaboración coas empresas de comunicación para que os estabelecementos comerciais se puidesen beneficiar de descontos en publicidade. Ademais, no marco desta iniciativa, continuou a liña de axudas destinada a entidades comerciais sen ánimo de lucro.

O Plan Estratéxico do Comercio de Santiago de Compostela será é, na práctica, a segunda parte do Plan de Excelencia Comercial, con estudos, conclusións e estratexias adaptadas aos novos retos de modernidade e innovación que precisa o sector para fortalecelo e facelo máis dinámico e competitivo.

Compartir: