CULTURA

A compañía de danza Gelabert Azzopardi pon en escena "Sense Fi" e "Conquassabit"

15/05/2009 Presentouse ante os medios de comunicación o espectáculo de danza contemporánea que a compañía Gelabert Azzopardi vai ofrecer no Auditorio de Galicia o sábado 16 de maio, ás 21:00 horas.

A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, foi a encargada de presentar o espectáculo, incluído no ciclo Teatro e Danza en Xira, que está a achegar a Compostela algunhas das máis prestixiosas compañías escénicas da Península. Logo do éxito colleitado polas obras teatrais Urtain e Emma, o ciclo ofrece a actuación da compañía catalá Gelabert Azzopardi, composta por dous espectáculos diferentes nomeados Sense Fi e Conquassabit.

O bailarín, coreógrafo e director do espectáculo, Cesc Gelabert, afondou nas características e significado das dúas obras. Conquassabit -en latín fragmento, conmoción ou división- incide na idea da aceleración, un concepto que para Gelabert é "interesante e pernicioso a un tempo e que, como coreógrafo, ofrece moitas posibilidades escénicas". A peza conta co acompañamento musical de Haendel, do que o bailarín catalán escolleu fragmentos cun tempo cada vez máis acelerado, rematando nunha caste de paroxismo.

Sense Fi, en troques, foi definida por Cesc Gelabert como unha creación intimista no que a coreografía interpretada polos dez bailaríns que compoñen o grupo resposta ao imaxinario do propio autor. Para este espectáculo a compañía conta cunha composición musical creada ex profeso polo compositor francés Pascal Comelade.

Cesc Gelabert
A iniciativa da concellaría de Cultura e Centros Socioculturais de Santiago de Compostela permitirá aos afeccionados á danza contemporánea da cidade achegarse ao universo creativo de Cesc Gelabert, unanimemente considerado como un dos coreógrafos e bailaríns máis relevantes da danza contemporánea do momento. As pezas de Gelabert caracterízanse pola súa elegancia, a súa contención expresiva e o coidado de todos os detalles. Gelabert non se adhire a ningún movemento concreto e propón un estilo propio, unha danza persoal froito dunha longa traxectoria profesional e dunha gran paixón.

As súas coreografías parten de símbolos e referentes históricos e caracterízanse por unha linguaxe clara e comprensible, onde cada xesto nace dunha sentida intención. Tal e como declarou na rolda de prensa, "bailar consiste en habitar o corpo co corazón e a mente e está presente en todos os movementos que realizamos na nosa vida cotiá".

Por último, Socorro García lembrou a forte aposta que a Concellaría que preside está a realizar para ofrecer un programa de danza de pequeno e mediano formato de calidade. Así, ao ciclo Teatro e Danza en Xira, hai que engadir o ciclo SCQ Danza e o Entredanzas, festival bianual que en 2010 vai pór en contacto a danza galega coa francesa. No acto tamén interviu o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez.

Compartir: