NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A Banda Municipal ofrece un concerto especial dentro dos actos da Festa das Letras

15/05/2009 O domingo 17, Día das Letras Galegas, a Concellería de Normalización Lingüística, preparou unha Festa das Letras, que se celebrará no Teatro Principal por mor das previsións meteorolóxicas (inicialmente estaba prevista no parque de Bonaval). Este acto, enmarcado no programa Maio das Letras, contará coa participación dos escolares e coa actuación especial da Banda Municipal de Música.

A Festa das Letras, que estará presidida polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, comezará ás 12:00 horas. Alí estarán os nenos dos colexios La Salle e Apóstolo Santiago, que lerán diversos textos literarios para celebrar o Día das Letras Galegas. Tamén se repartirán libros de Ramón Piñeiro, o homenaxeado nesta edición.

A nota musical poraa a Banda Municipal de Santiago, que este domingo súmase tamén á Festa das Letras. O programa incluirá a interpretación da sinfonía galega "Celtia", de E. G. Arroitajauregui; da rapsodia galega "Follas Novas", de L. Braxe; e do pasodobre "Ponteareas", de R. Soutullo. Tamén se poderá escoitar o pasodobre "Siete Rosas", de A. del Río.

As actividades do Maio das Letras preparadas por Normalización Lingüística non se pechan aínda co Día das Letras Galegas, senón que continúan do 18 ao 20 de maio con tres charlas obradoiro sobre o cómic e a súa linguaxe impartidas polo debuxante Fran Bueno ao alumnado de secundaria nos propios centros de ensino. Así mesmo, pódese visitar ata final de mes na Fundación Gonzalo Torrente Ballester unha exposición sobre a represión lingüística en Galicia.

Dende comezos do mes de maio viñéronse desenvolvendo no Maio das Letras distintas actividades para celebrar o Día das Letras Galegas e homenaxear a Ramón Piñeiro. Os escolares foron os principais protagonistas deste programa, participando en xincanas literarias, charlas didácticas e sesións de monicreques. Tamén se repartiu un documental e libros do homenaxeado nos centros de ensino.

Compartir: