PERSOAL

O Concello, pioneiro no desenvolvemento da carreira horizontal nas administracións galegas

15/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e os representantes dos sindicatos asinaron e deron a coñecer o acordo regulador e convenio colectivo do persoal ao servizo do Concello de Santiago. Este acordo, pioneiro no desenvolvemento da carreira horizontal nas administracións públicas galegas, contempla tamén melloras para a conciliación da vida laboral e familiar, axudas sociais e medidas de fomento do emprego, ao incentivar a xubilación anticipada.

Este é o terceiro acordo regulador que se asina no Concello e beneficiará aos algo máis de 700 traballadores que ten a Administración Municipal, segundo lembrou o alcalde. Non obstante, dixo, "é o primeiro que contempla dun xeito integral aos funcionarios e ao persoal laboral". Tamén expresou a súa satisfacción polo acordo logrado porque "nunha etapa de crise, propicia ao conflito, máis necesaria se fai a busca de acordos".

Pola súa parte, a concelleira de Persoal, Rosa Fernández, recordou que o anterior acordo databa de 1994 e que foi preciso adaptar o convenio ao Estatuto Básico do Empregado Público. Explicou que o acordo baséase en tres eixes: a experiencia, a formación e os sistemas de avaliación.

Defínese un modelo de carreira que leva parella unha promoción económica para aqueles que demostren experiencia a través do requisito de permanencia nun nivel ou grado de 5 anos. Ademais será preciso acreditar formación, que con carácter obrigatorio deberá cursarse, a través de sistemas "on line" que permitan recorrer itinerarios formativos definidos no plan de formación e que esixirá obter unha evolución positiva. Por último será preciso someterse a unha avaliación do rendemento, con carácter anual, en base aos "standards" acordados. O concello de Santiago é o primeiro de Galicia e poñer en marcha este sistema que por primeira contempla un relatorio exhaustivo dos deberes dos funcionarios a través dun código de conduta que debe rexer o seu traballo.

O novo regulamento aborda unha vella reivindicación dos traballadores relativa ao establecemento dun plan que posibilite a promoción interna do persoal que na actualidade presta servizos no Concello e que reúna os requisitos que esixe a lei.

Axudas sociais e xubilación
O acordo inclúe axudas ao persoal temporal para libros, garderías, etc. Tamén se incrementa a cobertura a familias numerosas e a persoas dependentes.

Por outra parte, e como medida de fomento do emprego, incentívase a xubilación anticipada a través de premios que se modulan en función da redución na pensión. Por último, increméntase tamén a cuantía e a cobertura da póliza de accidentes.

Nos apartados de prevención de riscos laborais (seguridade e saúde laboral), dereitos sindicais, réxime de incompatibilidades e réxime disciplinario, fíxose a adaptación do acordo á nova normativa da Lei de Prevención de Riscos Laborais, e ao EBEP sen que existan novidades destacables.

No que se refire a vacacións, permisos, licencias e xornada, validáronse as modificacións que indican o EBEP e a instrución da Secretaría de Estado sobre a xornada de verán. Inicialmente, está previsto que este regulamento teña vixencia ata o remate do ano 2012.

Compartir: