EMPREGO

O alumnado da primeira quenda do programa Persoa IV comeza o período de prácticas

14/05/2009 Os 55 alumnos da primeira quenda programa de inserción laboral Persoa IV, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, remataron o período de formación nas catro especialidades cursadas. Comezan agora a fase de prácticas en 30 entidades e empresas da zona de Santiago.

Este proxecto experimental de emprego, que se divide en dúas quendas de 60 persoas cada unha, ten como obxectivo promover a integración laboral de 120 desempregadas/os a través da súa participación nun proceso integral de inserción (formación, prácticas en empresas e apoio á colocación) en ocupacións consideradas novos xacementos de emprego. As outras cinco persoas, das 60 que en febreiro comezaron o período de formación, xa se incorporaron ao mercado laboral a través de contratos de diferente duración.

27 alumnos (14 mulleres e 13 homes), dos cursos de Especialista no coidado e atención a persoas maiores e discapacitadas e Reparación, mantemento e adaptación de edificios e vivendas para maiores e dependentes comezaron o mércores 13 o período de prácticas. As outras 28 persoas (25 mulleres e 3 homes), que cursaron Dirección e xestión de centros e servizos de atención a maiores e Especialistas en mediación familiar e socioeducativa na resolución de conflitos, comezarán as prácticas en breve. Cada unha das especialidades impartidas conta con 15 prazas.

O Persoa IV, que se desenvolverá ata setembro de 2010, focaliza a súa atención nos servizos persoais a coidadores de persoas maiores, de persoas enfermas e discapacitadas, e de nenos. Ademais de traballar a inserción laboral, incide na cobertura de servizos sociais fundamentais, formando ao alumnado nun sector considerado como un novo xacemento de emprego: o sector dos servizos ás persoas. Cóbrese así unha demanda social, e avánzase, ao mesmo tempo, cara unha sociedade do benestar. En concreto, afróntase a cobertura de funcións ata agora asumidas polas familias, sobre todo polas mulleres, como é o coidado de persoas dependentes.

228 persoas presentaron a solicitude para participar na primeira quenda do Persoa IV, que rematará en novembro. 179 inscricións, o 78,5%, eran de mulleres. A segunda quenda, na que se impartirán as especialidades de Atención temperá e estimulación precoz, Auxiliar de axuda a domicilio, Xestión e desenvolvemento de servizos e empresas de axuda a domicilio, e Especialista en asistencia persoal, está previsto que se desenvolva entre outubro de 2009 a setembro de 2010.

O Persoa IV conta cun orzamento de 720.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo. Integrado no Pacto polo Emprego de Santiago de Compostela, esta dirixido a persoas desempregadas, sobre todo persoas menores de 30 anos e maiores de 45, desempregados de longa duración e mulleres que abandonaron o mercado laboral e queren reinsertarse. As 120 persoas que participan no programa reciben unha beca de asistencia de 325 euros ao mes durante o período de formación teórica e práctica en empresa.

No Proxecto Persoa III, desenvolvido tamén pola Concellaría de Promoción Económica, accederon ao mercado laboral a través de contratos de diferente duración, 103 das 105 persoas participantes, o 98% do total. No Persoa II, no que participaron 80 persoas, inseríronse laboralmente 55, o 68,75% de participantes.

Compartir: