CULTURA

As letras galegas únense á rede internacional de liberación de libros a través dunha web

14/05/2009 Presentouse en Raxoi a web www.libro-libre.org coa, que a literatura galega e en galego se suma á rede "Bookcrossing", que promove a liberación de libros a nivel mundial. Este acto inscríbese na programación de A Revolta das Letras, una iniciativa que pretende por en valor a cultura galega e en galego.

A concelleira de Cultura, Socorro García indicou que a nova web que se vén de inaugurar é un proxecto a longo prazo que vai máis aló da celebración das nosas Letras. Ten como obxectivo último incluír a literatura galega nunha rede global de liberación de libros.

Segundo explicou Sabela Pato, da empresa Terceira Persoa, encargada da xestión da páxina, a finalidade do "Bookcrossing" é "facer do mundo unha biblioteca, nun proxecto de democratización da cultura que permitirá aos seus usuarios compartir os seus libros en espazos públicos como bibliotecas, bares, prazas...".

A nova web preséntase como un espello da rede internacional de "Bookcrossing" e, aínda que se amosa cun interface en galego, os datos introducidos pasan a unha base de datos global. Sabela Pato explicou polo miúdo o funcionamento de www.libro-libre.org, no que cada usuario se ten que rexistrar para liberar os seus libros e ofrecelos aos demais integrantes da rede, indicando a zona de liberación na que o deposita. Estas poden ser oficiais -as xa rexistradas- ou salvaxes, isto é, ao aire libre -prazas, parques, etc.-, co fin de que poida recollelo calquera viandante pola rúa.

A Revolta das Letras
A presentación da nova web inclúese dentro das actividades de A Revolta das Letras, unha iniciativa das concellarías de Cultura, Medio Ambiente e Cidade Histórica, que se vai desenvolver ao longo do sábado 16 de maio en distintos espazos da cidade. Socorro García informou que, para apoiar esta nova iniciativa, as tres concellarías liberarán case medio cento de libros por toda Compostela.

A edil lembrou que A revolta das Letras é unha iniciativa "reivindicativa que pretende a posta en valor do galego como unha lingua viva, amosando a rica produción cultural que dela se fornece". As actividades que compoñen esta xornada están destinadas a todos os públicos e van dende a Caixa de Mistos, un espazo para os máis pequenos situado na Quintana onde se poderán ver pezas de animación en galego, ata a realización dun cadáver exquisito audiovisual ou unha maratón fotográfica.

Distintos persoeiros da nosa cultura serán protagonistas desta xornada, empezando pola Arte na Rúa, que terá lugar na Alameda e no Toural, ou A Conspiración dos Poetas, que se desenvolverá en lugares públicos da cidade como Zara, os supermercados Froiz ou as prazas de Cervantes e a charca dos Patos da Alameda. O Turismo Mental pola cidade da man de Quico Cadaval, ou as proxeccións na praza de Abastos en colaboración co festival Curtocircuíto completan a proposta.

Direcciones relacionadas



Compartir: