REHABILITACIÓN E CIDADE HISTÓRICA

A reurbanización da rúa de Belvís potenciará o miradoiro para o uso público e ampliará o espazo de beirarrúas

14/05/2009 A concelleira da Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, presentou o proxecto de reurbanización previsto para o entorno do miradoiro e da rúa de Belvís. A potenciación do miradoiro como espazo público e a ampliación do espazo de beirrarúas son algúns dos aspectos destacados da intervención.

Durante a súa intervención, Olga Pedreira destacou que "o proxecto propón potenciar o miradoiro de Belvís como un espazo de uso público acorde co valor histórico e arquitectónico do Mosteiro, e acorde coa súa situación como lugar cunhas espectaculares vistas da cidade vella de Santiago". A concelleira mostrou que con estas obras "realizase unha importante operación de dignificación da zona, aproveitando para crear un espazo de lecer que poda ser máis aproveitado pola veciñanza".

O proxecto plantexa elevar o nivel da calzada e da zona próxima ao miradoiro para unificar o espazo e conseguir a percepción dunha praza con un uso prioritario para os peóns. Olga Pedreira explicou que "nesta zona o pavimento será de lousa de acorde coa arquitectura do Mosteiro, e ademais instalarase unha bancada ao pé do muro do miradoiro, e outra bancada que dividirá o espazo da calzada coa zona peonil, recuperando máis espazo para as persoas".

Redución da calzada
O proxecto de reurbanización implica unha redución da zona de calzada, ampliando o espazo das beirarrúas e primando os peóns sobre o transito rodado. Olga Pedreira anunciou que a calzada será pavimentada con lastras "excepto na zona onde as beirarrúas actuais son tan estreitas que non se pode ampliar; nesta zona estreita colocarase só lousa para indicar aos automóbiles que é un espazo onde se conflúe cos peóns", isto acompañado "dunha limitación de velocidade para que se circule a unha máis lenta".

Nas zonas da rúa que son máis amplas manterase a diferenciación entre calzada e beirarrúa. E aínda que a calzada manterá o seu pavimento de lastras nas beirarrúas, combinaranse a lousa e o formigón, diferenciando a entrada das casas. A concelleira da Cidade Histórica indicou tamén que se realizará "un soterramento de todas as instalacións e cableados evitando sempre os cruzamentos aéreos e transversais á rúa"

Na presentación aos medios, Olga Pedreira estivo acompañada por Javier Fernández Muñoz, xefe de servizo da Oficina de Rehabilitación e Vivenda, dependente da Concellaría.

Documentos relacionados



Compartir: