URBANISMO

Un foro dálle voz á sociedade civil para falar sobre a transformación da cidade

13/05/2009 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, presentou en Raxoi o Foro de Debate sobre a Transformación da Cidade, organizado pola Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG). Serán tres conferencias que pretenden complementar á convocatoria de ideas sobre a chegada do AVE proposta pola entidade profesional.

Mercedes Rosón destacou a importancia deste tipo de actos para mellorar a mobilidade de Santiago e tratar de "coser zonas que supoñen unha fractura moi importante", como Pontepedriña, O Castiñeiriño e Brañas do Sar. Pola súa parte, o presidente da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte, afirmou que a intención deste foro é despertar o debate e a reflexión cidadá con procesos urbanísticos que afectan á mobilidade da cidade.

Segundo Duarte, "é un intento de darlle voz á sociedade civil", ademais de transmitir á Corporación municipal os procesos de transformación da cidade. Así, apuntou que as conferencias responden a tres aspectos urbanos: mobilidade, sostibilidade e espazos verdes, que se tratarán polo miúdo en cada unha das conferencias.

Ademais do Colexio e da Concellería, colaboran neste Foro Emmuvissa, a Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación e a Fundación Araguaney, cuxa xerente, Ángeles Blanco, estivo tamén presente na rolda de pensa.

Convocatoria de ideas abertas
O presidente dos arquitectos composteláns tamén lembrou as características da convocatoria de ideas aberta para mellorar a cidade de Compostela coa chegada do AVE. Esta convocatoria de ideas persegue crear un espazo de debate sobre a construción da cidade dende a implantación da nova estación. As propostas que se presenten deben ir encamiñadas a mellorar a conexión entre as distintas partes da cidade; mellorar os espazos urbanos configurados coa intervención e a mobilidade nesta área; eliminar a tradicional barreira das liñas férreas e integrar os novos usos propostos na urbe.

Por ser unha convocatoria interdiciplinar, as propostas poden presentarse en formato, contido e soporte libre, tanto un relato, ensaio, fotografía, proxecto arquitectónico ou vídeo, entre outros. O xurado estará formado por tres persoas da sociedade galega, entre as que xa se atopa o arquitecto Manuel Gallego Jorreto. A valoración das propostas rexirase pola boa definición e enfoque das mesmas, pola súa calidade e orixinalidade e pola amplitude de lectura dos problemas. Ata o momento presentáronse dous proxectos arquitectónicos e unha serie de videos, debuxos, relatos e reflexións breves. As mellores propostas formarán parte dunha exposición que se inaugurará no mes de xuño.

Tamén dende o Colexio compostelán, e en colaboración coa USC e a Facultade de Ciencias da Comunicación, trabállase conxuntamente para conseguir unha visualización das propostas máis interesantes, segundo un acordo xa concretado.

A documentación completa da convocatoria pódese consultar na páxina web da delegación: www.arquitectosdesantiago.org, tanto as bases como un plano elaborado pola Aula de Renovación Urbana. O prazo de presentación das propostas finalizará o día 8 de xuño ás 14 horas na sede da delegación (Praza da Quintana 1, 1º -Casa da Conga). Para calquera dúbida ou consulta, os interesados poden mandar as súas preguntas ao seguinte correo electrónico: xuntacompostela@coag.es.

Conferencias e coloquio
A primeria das conferencias tivo lugar o xoves 7 de maio, a cargo da arquitecta Belinda Tato, do estudo madrileño Ecosistema Urbano. Co seu relatorio, Participación cidadá e criterios de sostibilidade na transformación da cidade, a arquitecta expuxo unha das liñas mestres do seu estudo (Ecosistema Urbano): as accións urbanas. "Xeramos propostas para a cidade en colaboración cos cidadáns, propiciando un debate", apuntou Tato. Este estudio de arquitectura atende as peticións de diversos municipios, universidades ou asociacións de veciños para crear un taller de ideas e opinar sobre o urbanismo da súa cidade. "Son talleres de creatividade colectiva mediante participación cidadá, que facilitan a reflexión, a proposta e a toma de decisións consensuada en torno a temas explícitos ou latentes que preocupan aos veciños", explicou a arquitecta. Con este produto pódense desenvolver procesos de detección e diagnóstico de problemas ou temas clave nunha comunidade.

A próxima conferencia terá lugar o xoves 14 de maio na Fundación Araguaney, ás 20:00 horas. O xeógrafo andaluz Juan Requejo Liberal dirixirá un relatorio sobre o Redimensionamento da cidade a novos conceptos de tráfico, e o seu posterior coloquio. Requejo é socio director de dúas empresas consultoras sevillanas: Asistencias Técnicas Clave (medio ambiente, enerxía e turismo) e Arenal Grupo Consultor (ordenación do territorio e políticas públicas). Dirixiu uns 25 plans, entre eles os recentes plans andaluces de turismo, de industria e de enerxía e dez plans de ordenación do territorio. Asesorou a varios gobernos e organismos internacionais, imparte docencia en catro master (urbanismo, espazos naturais, turismo e renovación urbana) e conta con nove públicacións, ademais de varios artigos.

Finalmente, a terceira conferencia celebrarase o 4 de xuño. O arquitecto catalán Albert Cuchí será o encargado de falar sobre O metabolismo urbano e a sostibilidade. Os espazos verdes como oportunidade. Cuchí é un arquitecto e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade Politécnica de Catalunya, que ten desenvolvidos diversos traballos sobre a paisaxe e a importancia dos espazos verdes na cidade, algún deles sobre Compostela .

Compartir: