COMERCIO

Tokonoma, Vagalume e Xocoátel gañan a edición de primavera do Concurso de Escaparatismo

13/05/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os comercios gañadores da Edición de Primavera do VI Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping. O primeiro clasificado foi Tokonoma Iluminación; o segundo Xoguetería Vagalume, e o terceiro Xocoátel.

Ao certame presentáronse 24 estabelecementos. Entre os comercios participantes predominaban os de téxtil e confección, calzado e decoración. A lista de inscritos tamén incluía estabelecementos de artesanía, agasallos, óptica, alimentación, deportes, xogueterías, floristerías, xoiarías, copistarías, tendas de produtos para animais, e estabelecementos especializados en puericultura.

O estabelecemento clasificado en primeiro lugar foi a tenda Tokonoma Iluminación, situada na rúa do Hórreo, 170 B. O xurado valorou a orixinalidade dunha composición difícil de acadar ante a sinxeleza dos elementos (só bombillas) utilizados no escaparate.

O segundo premio acadouno Xoguetería Vagalume, localizada na rúa da Algalia de Arriba, 16. O xurado destacou a escenografía realizada coa mercadoría, recreando contos populares.

O xurado acordou conceder o terceiro premio á tenda Xocoátel, situada na avenida Rosalía de Castro, 3. Valorouse a mensaxe transmitida a través do escaparate, un baúl e unha cadeira, sobre o que destacaba un mapa do mundo coa procedencia dos distintos tipos de chocolates que vende o estabelecemento.

Orixinalidade e eficacia na mensaxe
O xurado, integrado por asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valorou especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. Na súa decisión primou tanto o escaparate como o interior do comercio.

Os premios para os comercios gañadores consisten en campañas publicitarias a nivel local por valor de 5.156 euros para os primeiros clasificados en cada unha das edicións, de 2.306 euros para os segundos, e de 1.682 euros para os terceiros clasificados. Contabilizando as catro edicións, no VI Concurso de Escaparatismo está previsto repartir 36.580 euros en premios.

O certame consta de catro edicións: Primavera, Verán, Outono, e Nadal. O seu obxectivo é contribuír á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe.

Compartir: