CONSORCIO

O alcalde inaugura as novas obras de instalación de alumeado público e ornamental da Alameda

13/05/2009 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo inaugurou as novas obras de instalación de alumeado público e ornamental na Alameda de Santiago. Estas obras supuxeron un investimento do Consorcio de 432.000 euros.

O proxecto, que implicou unha mellora no rendemento enerxético, adecuándoo ao cumprimento da normativa de aplicación en materia de aforro enerxético e contaminación lumínica, foi distinguido polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) cunha subvención de 102.000 euros. A obra comprende a renovación da rede de subministro eléctrico e dos centros de mando, a racionalización de circuítos e a dotación de equipamento luminotécnico.

Procedeuse á substitución dos vellas farois de formigón no Paseo dos Leóns, Xardíns Mirador e Costa de Santa Susana, por equipos de alta eficiencia e rendemento lumínico, con sistema óptico e fotometría avanzada. Os vellos farois presentaban importantes deficiencias, tanto no báculo como na luminaria, o que xustificou a súa substitución. Ao mesmo tempo, e de acordo co seu valor histórico, rehabilitáronse os farois dos xardíns de Porta Faxeira, Paseo Central e Paseo das Viúvas. Esta renovación da instalación suporá un consumo de 30.686 kWh menos cada ano, cun aforro directo na factura da luz de 10.460 euros/ano, sen menoscabo dunha mellor e máis eficiente iluminación do parque público.

As obras de instalación eléctrica e de alumeado público na Alameda leváronse a cabo sen interferir no uso e disfrute do parque público por parte dos cidadáns.

De maneira complementaria, o equipo da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago tamén mellorou o aspecto do Paseo das Viúvas e o acceso deste co Paseo de Santa Susana, o Banco Acústico, así como a dotación de bancos de madeira na planta circular de Ponte Faxeira.

Documentos relacionados



Compartir: