TURISMO

Santiago participa no III Salón Nexobusiness de Congresos

20/10/2005 O concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela, participou este xoves 20 de outubro en ‘NexoBusiness’, o Salón Profesional de Viaxes de Empresa, Congresos, Convencións e Incentivos organizado polo grupo ‘NEXO’.

Ao evento, que tivo lugar no Hotel Meliá Castilla de Madrid, asistiron numerosos representantes do segmento do ‘business travel’, que agrupa aos organizadores e provedores de viaxes de empresa, congresos, convencións e incentivos, así como aos 'convention bureaux' de distintas cidades, destinos nacionais e estranxeiros, axencias de viaxe especializadas, palacios de congresos, centros de reunións, hoteis, compañías aéreas, cruceristas e empresas navais e autocares, entre outros.

O concelleiro compostelán Francisco Candela, na súa calidade de presidente do Spain Convention Bureau, copresidiu a mesa de apertura da convención, xunto ao conselleiro delegado do Grupo NEXO, Carlos Ortiz; o presidente da federación de Organizadores Profesionais de Congresos de España, Julio C. Abreu; o representante da Confederación de Empresarios de Madrid, Jesús Gatell, e o presidente da Asociación de Axencias de Viaxe, AEDAVE, José Manuel Maciñéiras, entre outros.

Candela presentou tamén un relatorio durante a sesión dedicada á ‘Problemática de los Congresos de España’, na que fixo énfase na necesidade de coordinación dos esforzos das administracións central, autonómica e local para o impulso do turismo de congresos.

"O turismo de congresos require un maior esforzo na asignación de recursos porque se trata dun mercado en construcción que ven demostrando a súa capacidade de crecemento, pero tamén a súa necesidade de maiores medios humanos e financeiros. Mellorar a intelixencia, os coñecementos e os procedementos estatísticos de análise permitiranos tamén coñecer mellor o sector para formular estratexias de crecemento acordes coas esixencias do mercado", sinalou Candela.

Compartir: