TURISMO

"Santiago(é)Tapas 09" aspira a superar as preto de 20.000 tapas consumidas na primeira edición

12/05/2009 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a segunda edición do concurso de tapas de Santiago de Compostela, Santiago(é)Tapas, que se desenvolverá entre o 25 de xuño e o 12 de xullo. O concelleiro estivo acompañado polo presidente da Asociación Hostalería Compostela, Jesús Sordo, a responsable de comunicación de Estrella Galicia, Cecilia Babarro, e a subdirectora comercial de El Correo Gallego, Palmira Rodríguez.

O obxectivo de Turismo de Santiago na segunda edición de Santiago(é)Tapas é consolidar o concurso como un atractivo turístico da cidade. Para iso incluiranse varias novidades a partires do estudo do funcionamento e resultados da primeira edición, na que participaron 45 estabelecementos do municipio con 113 tapas, consumíronse preto de 20.000 tapas, repartíronse máis de 6.000 Tapasportes e entregáronse 267 premios a usuarios do Tapasporte.

Santiago(é)Tapas dividirá de novo a cidade en diferentes rutas a través do Tapasporte, unha guía onde os estabelecementos porán os seus selos. Este ano créase o Tapasporte para Empresas, que nace coa idea de ser unha ferramenta que permita "facer equipo" dentro das empresas e poder lanzar paquetes turísticos para empresas de fóra do Concello. O Tapasporte colectivo poderá ser solicitado por grupos de entre cinco e vinte persoas pertencentes a unha mesma empresa. O grupo da empresa máis participativa recibirá unha estadía nun estabelecemento da empresa compostelá Pousadas de Compostela.

Dous novos premios
Turismo de Santiago, co obxectivo de resaltar a importancia que ten para un destino turístico como Santiago de Compostela a calidade no servizo que se presta nos estabelecementos hostaleiros, crea este ano o Premio do Público (é)xcelente 09, no que os consumidores das tapas poderán votar a atención recibida no estabelecemento e as súas instalacións. O premio está dotado con 1.500 euros máis un diploma e un agasallo.

Outra novidade é a creación dun xurado de preselección das tapas que se presenten a concurso, coa finalidade de incentivar a cultura das tapas e fomentar a calidade das mesmas. Este xurado comprobará que as propostas presentadas respondan ao concepto de "tapa" e non serán aceptadas as que en realidade sexan "racións" ou "medias racións", as que non ofrezan unha calidade mínima e aquelas cuxa relación calidade-prezo non sexa axeitada. Tampouco serán válidas aquelas tapas que habitualmente se serven de balde nos estabelecementos, aínda que se fagan pequenas modificacións nas mesmas.

Inscrición ata o 17 de maio
Os estabelecementos interesados en participar teñen de prazo para presentar a súa inscrición ata o 17 de maio. O número máximo de estabelecementos permitidos será de 50. A inscrición farase por orde de inscrición. Cada estabelecemento poderá presentar ata tres tapas, que deberán ter un prezo de entre medio euro e tres euros. Tamén como novidade deste ano, as tapas deberán servirse como mínimo entre as 13:00 e as 15:00 horas e as 20:30 e 23:00 horas. Os teléfonos onde solicitar información son o 981 935 345 e o 981 569 194.

Santiago(é)Tapas conta co patrocinio privado de Estrella Galicia, o patrocinio institucional de Galicia Calidade e a colaboración da Asociación Hostelería Compostela, a Praza de Abastos, o Grupo El Correo Gallego, Pousadas de Compostela e Air Berlín.

Documentos relacionados



Compartir: