EDUCACIÓN

O programa "Coñecer as Cidades Patrimonio" trae a Santiago a un grupo de escolares de Córdoba

12/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, saudou aos escolares de 2º de ESO do CPI Miralbaida de Córdoba, que visitan Santiago dentro do programa Coñecer as Cidades Patrimonio. Os rapaces estarán na cidade ata o mércores 13 de maio, nos que realizarán diversas visitas guiadas a puntos de interese.

Nesta edición do programa Coñecer as Cidades Patrimonio, a Santiago correspondeulle intercambiar experiencias e visitas con Córdoba. En concreto, o traballo gañador en Santiago foi o realizado por alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES Eduardo Pondal, baixo o título "Percorrendo Córdoba aos quince anos". Estes alumnos acompañaron aos seus compañeiros cordobeses na visita ao Concello.

O gañador en Córdoba polo seu traballo sobre Santiago foi o CPI Miralbaida, de visita agora en Santiago. Logo, os rapaces do Eduardo Pondal irán a Córdoba e todos xuntaranse cos gañadores do resto das Cidades Patrimonio en Ávila, organizadora desta edición do certame.

O programa da estancia dos alumnos cordobeses en Santiago inclúe un paseo guiado polo casco antigo e diversas visitas guiadas: cubertas da Catedral, exposición Galicia Dixital, Centro Galego de Arte Contemporánea, Cidade da Cultura, Museo das Peregrinacións e Museo do Pobo Galego. Tamén realizarán un tramo do Camiño de Santiago entre o Monte do Gozo e a praza do Obradoiro.

Na edición 2007-2008, quince alumnos de 2º de ESO do IES Rosalía de Castro estiveron en Ávila durante tres días e posteriormente en Cuenca, que foi a cidade organizadora. Do outro lado, viñeron a Santiago escolares de 3º de ESO do Colexio Medalla Milagrosa de Ávila.

Neste programa participan as 13 cidades españolas que forman parte do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España: Avila, Cuenca, Ibiza, San Cristóbal de La Laguna, Córdoba, Tarragona, Toledo, Mérida, Salamanca, Alcalá de Henares, Cáceres, Segovia e Santiago de Compostela.

Compartir: