ALCALDÍA

O novo presidente de AENA maniféstalle ao alcalde o seu desexo de comezar inmediatamente as obras da nova terminal

11/05/2009 A Sala do Contencioso da Audiencia Nacional desestimou o recurso de súplica presentado polo Aeroclub contra o desaloxo das súas instalacións. En virtude desta decisión xudicial, o Ministerio de Defensa concedeu un prazo de 7 días hábiles á entidade para que deixe a súa ocupación actual.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, comunicou esta decisión, que supón un paso máis cara o inicio definitivo das obras da nova terminal aeroportuaria de Lavacolla. Nesta liña van tamén as conversas que Sánchez Bugallo segue a manter co Ministerio de Defensa (pendente de que tome posesión a nova directora xeral de Infraestruturas) e co presidente de AENA, o compostelán Juan Ignacio Lema.

Precisamente, Lema manifestoulle ao alcalde o seu desexo de comezar inmediatamente as obras da terminal. Con este obxectivo, manteranse reunións proximamente e mesmo o presidente de AENA amosou a súa disposición a viaxar a Santiago para "desbloquear o tema".

Sánchez Bugallo insistiu respecto ao tema do desaloxo que "este é un tema legalmente pechado", polo que deberá procederse ao abandono das instalacións, independentemente de que a Audiencia Nacional poda fixar no seu momento unha indemnización ao Aeroclub. Sobre a operación de Bando, o alcalde confía en pechar este tema unha vez tome posesión a nova directora xeral de Infraestruturas de Defensa.

Comezo de seis obras do FIL
Sobre outras infraestruturas, neste caso as financiadas polo Fondo de Investimento Local, o alcalde anunciou que o martes 12 comezarán seis novas obras, que se unirán a outras catro xa en marcha. Progresivamente iran comezando as demais, coa previsión de que o 28 de maio estean todas as obras en marcha.

As que comezan son as obras de urbanización na rúa Raiola, a substitución de beirarrúas en Pontepedriña, Meixonfrío e As Cancelas, a reparación do depósito da Almáciga e a adecuación dun local en San Lázaro para Protección Civil. Xa están en marcha as obras de abastecemento no rueiro de Figueiriñas e nas rúas Pequena, Grabanxa, Queimada e do Ceo; a rehabilitación do saneamento en Rosalía de Castro e a ampliación do abastecemento na Barciela.

Compartir: