CONSORCIO

Comeza a III edición do "Compostela Organum Festival" na igrexa das Ánimas

08/05/2009 Tras o éxito da segunda edición do Compostela Organum Festival, celebrado en 2008, o Consorcio e a Asociación Musical Berenguela puxeron en marcha un novo ciclo do Festival na súa edición de primavera. Será os días 9, 15, 23 e 30 de maio nas igrexas da Universidade e Ánimas, así como na igrexa conventual de Santa Clara.

O Compostela Organum Festival é unha iniciativa estreitamente vencellada á cultura musical de Santiago e á revitalización dos órganos como instrumentos do patrimonio artístico da cidade. O obxectivo principal desta terceira edición do Festival, ademais da difusión da música en lugares pertencentes ao extraordinario patrimonio cultural da cidade de Santiago, é presentar algunhas innovacións no ámbito da música organística tanto polos intérpretes elixidos como polo repertorio pouco usual.

O ciclo comezará na igrexa das Ánimas coa homenaxe a Haendel a cargo do organista Bruno Forst, o Quinteto de Corda da Real Filharmonía de Galicia, a soprano Rosa Vázquez e clave Mercedes Rubio ao clave. O concerto estará centrado sobre o compositor Haendel, do que en 2009 se conmemora o 250 aniversario da súa morte.

Coa colaboración de cinco músicos da Real Filharmonía de Galicia, interpretaranse dous concertos para órgano e orquestra de Haendel, en unha transcrición realizada por Bruno Forst para grupo instrumental reducido. Os concertos de Haendel, obras da súa xuventude, son composicións onde destaca o seu talento, a súa creatividade e a súa liberdade de invención. Dan unha boa testemuña do seu virtuosismo ao órgano e revelan a súa afección por este instrumento. Haendel acostumaba interpretalos el mesmo, moitas veces antes da execución dos seus oratorios, o cal se evocará durante o concerto interpretando unha aria para soprano extraída do oratorio Jephté. E para concluír a evocación desta época de esplendor do órgano, escoitaranse obras de J.S Bach e D. Scarlatti, ambos nados o mesmo ano que Haendel.

O órgano das Ánimas
O órgano da Capela Xeral das Ánimas foi construído en 1880 por Ramón Cardama. A súa estrutura é a dun órgano ibérico clásico, con teclado partido e trompetería horizontal. Non sufriu ningunha modificación dende a súa construción, pero foise relabrando aos poucos, ata que en 2005 o Consorcio de Santiago decidiu a súa recuperación.

Cando os irmáns Desmottes empezaron os traballos de restauración atopábase completamente desmontado, revolto e almacenado na tribuna da igrexa. Tras a restauración, celebrouse o concerto inaugural o 22 de xaneiro de 2006. Destacan tamén na capela os retablos en estuco de xeso, que están a ser restaurados polo propio Consorcio de Santiago. O primeiro deles xa pode ser contemplado polo público.

Compartir: