ALCALDÍA

Zeca Afonso dá nome a un parque do Burgo das Nacións no 37 aniversario da súa actuación na cidade

10/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu os actos con motivo da inauguración do Parque José "Zeca" Afonso, nos que tamén participou a viuva do cantautor luso, Zélia. José Afonso da nome a un espazo da cidade 37 anos despois da súa actuación no Burgo das Nacións.

O programa dedicado ao cantante portugués incluíu a proxección no Auditorio de Galicia do vídeo "Na abertura do horizonte, a cidade da utopía", producido pola Compahía de Dança de Lisboa. A continuación inaugurouse o Parque, situado no Burgo das Nacións (fronte á praza do Auditorio), onde se descubriu a placa co nome de José "Zeca" Afonso.

O cantante e compositor portugués José "Zeca" Afonso (1929-1987) significou o enriquecemento da canción popular portuguesa e que esta servira como ferramenta de transformación social da música de crítica á ditadura fascista que rexeu Portugal dende 1933 ata 1974. Foi un dos máis coñecidos músicos de Portugal e, anos despois da súa morte, permanece aínda cun alto número de vendas tanto no seu país coma no estranxeiro.

O 10 de maio de 1972 actuou no Burgo das Nacións, en Compostela, ante un numeroso público. Contan os que asistiron que se emocionou polo afecto e atención recibida e, sen estar previsto, cantou por primeira vez o "Grândola, Vila Morena", que serviu de sinal para o inicio da Revolución dos Craveis o 26 de abril de 1974.

Compartir: