MOBILIDADE E INFRAESTRUTURAS

A rúa San Pedro de Mezonzo pechará ao tráfico durante dúas tardes por mor das obras do Hórreo

07/05/2009 As obras do túnel do Hórreo obrigarán a pechar ao tráfico a rúa San Pedro de Mezonzo nas tardes do martes 12 e do mércores 13. O corte producirase entre as 16:00 e as 20:00 horas, en ambas xornadas, no tramo comprendido entre o Hórreo e a rúa da Rosa.

Os concelleiros de Mobilidade, Marta Álvarez-Santullano, e de Infraestruturas, Bernardino Rama, explicaron esta modificación do tráfico, que permitirá realizar obras de canalización do gas. O acceso aos garaxes de San Pedro de Mezonzo realizarase a través da rúa da Rosa, no sentido contrario ao habitual.

Todas as modificacións estarán debidamente sinalizadas e atendidas polos efectivos da Policía Local. En calquera caso, aconséllase a todos os condutores que eviten esta zona na medida do posible e empreguen desvíos alternativos.

Recordou igualmente que seguen as restricións na rúa Romero Donallo, polas que o tramo final desta rúa -o que se estende dende o cruce con Santiago de Chile ata a gasolineira- conta só cun carril de subida e outro de baixada. Os traballos marchan a bo ritmo e mesmo se incrementaron as quendas de traballo para rematar con este corte no prazo previsto.

Apertura do cuarto xiro de Cornes
Tamén en relación ao tráfico e ás obras do túnel do Hórreo, Rama anunciou que nun prazo aproximado de 15 días estará aberto o cuarto xiro de Cornes. Unha vez solucionados os problemas existentes nas canalizacións do saneamento, superadas as probas do pavimento e comprobada a sinalización e pintado, o vieiro contribuirá en breve a aliviar o tráfico nesta área da cidade.

Sobre a marcha das obras do Hórreo, o concelleiro de Infraestruturas, indicou que en breve se manterá unha xuntanza con técnicos do Ministerio de Fomento, co fin de "dar un pulo, se é posible" ás obras e así reducir os prazos. Indicou que hai "boa vontade" por parte da UTE encargada das obras a asumir este impulso.

En calquera caso, resaltou Rama que "unicamente se están producindo retencións duns 10 ou 12 minutos en momentos moi puntuais do día", sendo o tráfico fluído o resto do tempo. "Por iso a xente segue a utilizar esta vía malia as obras ", engadiu. Cómpre recordar que, segundo os datos de hai dúas semanas, pasaban pola zona das obras 35.000 vehículos diarios. En breve ofreceranse novos datos a este respecto.

Compartir: