CENTROS SOCIOCULTURAIS

"O graffiti é unha forma de expresión"

20/10/2005 O 20 de outubro remata a mostra "GRF.DIG. Graffiti na era dixital" que se expón no centro sociocutural A Trisca. Realizada por The Chemical Orange (pseudónimo de Luis González), preténde amosar o graffiti como unha técnica de creación gráfica, marcando as diferencias entre o graffiti tradicional, feito a man alzada, e o creado a partir de plantillas.

-Ao falar de graffiti case todos pensamos nos feitos na rúa, nos trens. ¿Cres que hai diferenzas entre ese tipo de graffiti e o que se expón nas galerías?

-Creo que non se perciben esas diferenzas porque o que se amosa nesta exposición é un graffiti collido das rúas. Para facer esta mostra escolleuse unha técnica –o graffiti- e un estilo –graffitis feitos con plantillas- co fin de expor nunha galería unha forma de expresión das rúas.

-¿Como foron feitos os graffitis que podemos ver na exposición?

-Neste caso non foi unha actividade creativa, foi un proceso máis sinxelo porque non son graffitis feitos por min, eu soamente os reproducín. Escolléronse unha serie de graffitis que se poden ver nas rúas de Santiago de Compostela, de A Coruña, Barcelona e Varsovia, fotografáronse, e coa axuda dun ordenador elaborouse unha plantilla. Unha vez feita a plantilla pásase unha capa de pintura –neste caso spray- e xa queda plasmado o graffiti no papel escollido.

-Afirmas que os graffitis que se amosan non son teus, entón ¿por que unha exposición de graffitis e non con outra temática?

-Porque a maioría das persoas que camiñan pola rúa non se fixan nestas pezas e as que o fan poden preguntarse de quen son, porqué as fan, que queren dicir. O que pretendo é achegar o graffiti á xente.

-¿É o graffiti unha arte?

-O graffiti é unha forma de expresión. Que sexa arte, interesante, bo ou todo o contrario dependerá, primeiro da persoa que o vexa, e segundo da sensibilidade da persoa que o faga.

-Que pensas sobre a vinculación que se fai entre o graffiti e o vandalismo e que se vexa como unha forma de expresión usada por persoas rebeldes ou inconformistas?

Iso son valoracións que van máis aló da exposición. Eu o que fago é recoller unha realidade que está na rúa para que a xente o vexa e a valore.

-O teu pseudónimo é The Chemical Orange e o marco dos graffitis da exposición é de cor laranxa, ¿foi unha coincidencia ou é unha sinal de identidade?

-Nesta ocasión foi coincidencia. A elección do nome foi un pouco unha estratexia de comunicación pretendendo á vez respectar e reflectir a cultura dos graffiteiros. Para min o laranxa é unha cor industrial, de factoría, e o termo químico elixino porque esta exposición foi posible grazas á unión de diferentes pezas.

-¿Por que o graffiti vai unido ao hip-hop?

-A evolución do graffiti sempre estivo unida ao desenvolvemento da cultura hip-hop, sobre todo nos Estados Unidos. A xente dos suburbios das grandes cidades empezou a pintar na rúa e no metro, ao mesmo tempo apareceu o hip-hop e vinculouse o movemento musical de rúa co graffiti entendido como un movemento gráfico de rúa. Son dúas formas de expresión de rúa que formaron unha mesma cultura.

-¿A que se debe o uso de novas técnicas na creación de graffitis?

-Todo movemento artístico remata por repetirse e o artista antes ou despois busca algo novo, busca renovar a súa arte, novos camiños, novas técnicas, novos estilos. Penso que esa evolución tamén está marcada porque cada vez son máis as persoas que sen estar vinculadas á cultura hip-hop queren saír á rúa a mostrar as súas obras. Ademais o graffiti emprégase en logotipos, en slogans, en televisión e iso supón traballar con equipos dixitais marcando considerables diferenzas cos graffitis máis tradicionais.

-¿En que se diferenza un graffiti dunha pintada?

-Para min unha pintada sempre busca transmitir unha mensaxe cun obxectivo moi concreto pero sen querer crear un estilo. Cun graffiti transmites unha mensaxe porque coa túa peza expresas algo, pero non é unha mensaxe clara. Por exemplo nunha pintada nunca se pintaría un gato rosa pensativo porque non deixa claro o que quere dicir. A pintada ten un carácter máis reivindicativo que o graffiti.

Compartir: