ALCALDÍA

O alcalde impulsa acordos de colaboración e promove o Xacobeo 2010 en Bos Aires

05/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado do alcalde de Brión, Xosé Luis García, e do concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, mantivo un encontro o luns 4 de maio cos empresarios de AEGA (Asociación de Empresarios Galegos de Arxentina), que preside Oswaldo Méndez. AEGA, que conta con 100 socios de todos os sectores comerciais, é unha das asociacións de emigrantes galegos de primeira e segunda xeración máis nova, pois fundouse hai tres anos.

Os empresarios pediron aos representantes políticos que se teña en conta "aos galegos que viven fóra do territorio e que están comprometidos coa construción dun ideario galego, no seu sentido máis amplo, fóra de Galicia". Suxeriron que, na medida do posible, "todas as accións de Goberno relacionadas co mundo empresarial galego da Arxentina, que é moi potente, se fagan a través da asociación" e que se lles axude a desterrar certos tópicos como que "o empresario arxentino non é confiable".

Os representantes de AEGA explicaron ao alcalde a importancia da Hidrovía da Conca da Plata, que comeza na Arxentina e comprende Bolivia, Brasil, Paraguai e Uruguai. A pesar de non ser moi coñecida é "unha das concas con máis riqueza natural do mundo", dixeron. Na súa opinión, Galicia podería ser "a plataforma loxística para penetrar en Europa", e conformar unha caste de "autopista marítima".

Pola súa banda, Sánchez Bugallo impulsounos a participar na promoción e difusión do Xacobeo 2010 para que "sexa todo un éxito", que na súa opinión, "serao", porque "en toda América e Europa saben en qué consiste un Ano Santo, Santiago coñécese en todo o mundo". O Xacobeo está a ser o tema central dos encontros que está a ter o alcalde con diferentes colectivos de emigrantes galegos, como foi o caso da reunión coas directivas dos centros galegos, e cos membros da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, que tivo lugar na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, e cos operadores turísticos e medios especializados na Oficina Española de Turismo da capital bonaerense. Bugallo convocou aos "emigrantes galegos e aos arxentinos en xeral a visitar Santiago" e a trasladar, "tamén, a celebración a Bos Aires".

Compromiso cos santiagueses emigrados
A delegación santiaguesa fixo un percorrido polas instalacións da Xunta en Arxentina e asinou no Libro de Honra da Delegación. Posteriormente, en rolda de prensa, o alcalde de Santiago destacou o seu "compromiso de manter o contacto cos cidadáns da Mancomunidade de Santiago de Compostela", e indicou que este é o motivo principal da súa viaxe ao río da Prata. Segundo informou o alcalde, en Bos Aires viven ao redor de 7.000 persoas oriúndas da Mancomunidade, dos cales preto de 3.100 son veciños de Santiago.

"Estamos atentos aos temas que poden interesar e ás necesidades que poden ter os nosos veciños de aquí", indicou Bugallo, ao tempo que recoñeceu que a situación xeral dos cidadáns residentes na Arxentina tiña mellorado moito nos últimos cinco ou seis anos e que xa non atopan, "grazas ao traballo da Embaixada e da Xunta de Galicia", as situacións de "desasistencia" que se deran noutras épocas.

O mandatario compostelán tivo a oportunidade de visitar a Lexislatura da Cidade Autónoma de Bos Aires (equivalente ao Parlamento), onde foi saudado, entre outros, por Ariel Rosemfeld, do departamento de Interxurisccionais; Pablo Garzonio, director xeral de Relacións Internacionais; Elisabeth Leites, directora de Asuntos de Mercosur; o agregado laboral e representantes de todos os grupos parlamentarios, que lle formularon a posibilidade de elaborar un convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Lexislatura.

O alcalde partiu a Montevideo para continuar cos seus compromisos institucionais, mentres que o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, trasladarase a Santiago del Estero para falar co concello desta cidade arxentina do Xacobeo 2010, do encontro de Santiagos de todo o mundo que terá lugar, previsiblemente, en setembro de 2010 en Compostela e do posible irmandamento entre as dúas cidades, entre outros asuntos.

Compartir: