COMERCIO

A Concellaría de Promoción Económica e Comercio participa en Málaga no II Foro de Comercio Urbano

05/05/2009 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo estará presente en Ágora, o II Foro de Comercio Urbano que se celebra do 6 ao 8 de maio no Pazo de Feiras e Exposicións de Málaga. Contará cun stand de 32 metros cadrados en forma de bolsa no que se vai instalar unha pantalla de vídeo e 14 lamas para ofrecer información, dun xeito atractivo, sobre o sector comercial e sobre os programas de innovación, promoción e dinamización comercial desenvolvidos nos últimos anos en Santiago.

Neste Foro, Promoción Económica informará sobre a importancia do comercio para a cidade, a formación destinada ao sector, o Plan de Excelencia Comercial ou o futuro Plan Estratéxico de Comercio. Ademais, describiranse visualmente iniciativas como Marzo, mes do comercio, Compostela Outlet, a Gala do Comercio, Animación en Rúa, o Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping, Regalar custa pouco, ou Compostela, capital de compras.

Ademais, o programa de dinamización comercial Marzo, mes do comercio, foi seleccionado para formar parte do Espacio de Experiencias, unha área monográfica onde entidades públicas e privadas presentan os proxectos e iniciativas levados a cabo no ámbito do comercio urbano que poden servir de modelo ou referencia para outras cidades. Esta iniciativa naceu en 2007, cun dobre obxectivo: dinamizar o sector despois dun intenso período de rebaixas, e darlle o protagonismo que lle corresponde polo seu peso económico e social na cidade, xa que é unha referencia de calidade tanto para a cidadanía coma para a potencial clientela da área de Compostela e da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal. Nas distintas actividades organizadas nos últimos tres anos participaron máis de 60.000 persoas, tanto de Santiago como da súa área de influencia comercial. No Espacio de Experiencias poderanse ver outras 107 iniciativas comerciais, seis delas internacionais.

Ágora complétase cun intenso programa de actos. Contempla dez ponencias sobre temas de actualidade, entre eles o novo marco normativo do comercio interior e dos servizos en España, na que está previsto que participe Dona María Martín-Prat de Abreu, xefa da Unidade de Servizos da Dirección Xeral de Mercado Interior da Comisión Europea, as repercusións da crise económica no comercio, no consumo e a resposta das empresas; e o comercio urbano. Tamén se desenvolverán 13 aulas interactivas relacionadas con distintos aspectos do comercio, como promoción, servizos ao comprador, competitividade, urbanismo comercial, etc.; e dous talleres sobre negociación comercial e comercio electrónico. Algunhas das cidades que participan no II Foro de Comercio Urbano, ademáis de Santiago, son Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, Vitoria-Gasteiz, Xixón, Palma de Mallorca, Las Palmas, Lleida, Melilla, Toledo e Pamplona.

Compartir: