XUNTA DE GOBERNO

O Concello aproba un orzamento de máis de 200.000 euros para as Festas da Ascensión

05/05/2009 A Xunta de Goberno deu o visto bo a un orzamento de 208.500 euros para as Festas da Ascensión. Entre outros acordos, tamén se iniciou a expropiación dunha parcela necesaria para a obra de duplicación do acceso ao Polígono do Tambre, e aprobáronse as bases do XIII Concurso de Fotografía Deportiva.

As Festas da Ascensión 2009 celebraranse do 20 ao 24 de maio. A Concellaría de Festas preparou un programa pensado para todos, con diversas accións nas rúas e prazas da cidade, con actividades teatrais, infantís e musicais.

O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentará en breve o programa, do que xa adiantou o festival Rock na Ascensión, que se celebrará o venres 22 e sábado 23 de maio no Multiusos Fontes do Sar. Actuarán 12 grupos españois e galegos de renome, na seguinte orde: Thinking Twice, Pülsar, Boicot, Rosendo, Hamlet e Reincidentes, o venres 22; e The Codename, Remake, Barón Rojo, Warcry, Mägo de Oz e Def con Dos, o sábado 23.

Deportes
En Deportes, aprobáronse as bases e un orzamento de 4.000 euros –dos que 2.500 se destinarán a premios– para o XIII Concurso de Fotografía Deportiva. Os interesados deberán presentar un máximo de tres fotografías (cun tamaño mínimo de 20x15 centímetros) antes das 14:00 horas do 3 de xuño, nas oficinas da Concellería de Deportes en San Lázaro, ou remitilas por correo certificado ou mensaxería a este Departamento. O xurado fará pública a súa decisión o 5 de xuño.

Ademais, deuse o visto bo a un orzamento de 18.000 euros para o mantemento das instalacións deportivas. Esta achega servirá para facer arranxos de diverso tipo e para compra de materiais varios para o mantemento xeral das instalacións e para as súas boticas de primeiros auxilios.

Tamén se aprobou a sinatura do convenio coa Federación Galega de Baloncesto para o desenvolvemento do I Torneo Internacional de Baloncesto Feminino "Cidade de Santiago". Desenvolverase no Multiusos Fontes do Sar os días 15 e 17 de maio en el participarán as seleccións absolutas de España, Cuba e Australia. Un dos partidos deste triangular disputarase en Ferrol. O orzamento é de 20.000 euros.

Urbanismo
No ámbito urbanístico, acordouse o inicio do procedemento de expropiación dos terreos necesarios para executar a duplicación de carrís no acceso ao polígono do Tambre, na estrada N-550. Esta obra obriga a expropiar unha superficie de 82,55 metros cadrados no suroeste do nó de acceso, concretamente na marxe dereita do carril de saída do Polígono do Tambre e de incorporación á N-550 en dirección a Santiago. A valoración da parcela ascende a 21.508 euros.

Outro acordo urbanístico da Xunta de Goberno foi o outorgamento de licenzas a unha cooperativa para a construción de 86 vivendas de protección autonómica distribuídas en cinco edificios no SUNP-12 de Lamas de Abade. Outra cooperativa recibiu autorización para levantar 40 vivendas unifamiliares encostadas neste mesmo ámbito.

Finalmente, decidiuse a recepción das obras de urbanización do SUNP-22 de Castro de Abaixo, así como das obras do vieiro de conexión entre este polígono e o SUP-6 de Santa Marta.

Benestar Social
Por urxencia, a Xunta de Goberno aprobou as bases do concurso de ideas para unha campaña publicitaria sobre o consumo de alcohol na mocidade, así como unha dotación de 1.500 para premiar a idea gañadora. O concurso está dirixido a alumnos matriculados nas titulacións de Comunicación Audiovisual ou Xornalismo da Universidade de Santiago. A campaña incidirá en cuestións como que o alcohol non implica diversión asegurada ou que o ocio nocturno non significa consumo de alcohol.

Educación
En Educación, iniciouse o expediente para a contratación do servizo de desenvolvemento das actividades da Escola de Verán de Inglés 2009. O tipo de licitación queda establecido en 32.758 euros máis IVE. Esta iniciativa, que se celebra no mes de xullo, está dirixida a escolares de 1º de primaria a 2º de secundaria, con niveis de inglés diferentes. Combínanse as clases de inglés con obradoiros lúdicos.

Ademais, adxudicouse provisionalmente o servizo de explotación do centro de coñecemento do medio rural de Portela, na parroquia de Figueiras.

Xuventude
A proposta do concelleiro de Xuventude, aprobouse a renovación do convenio entre o Concello e a Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco para o 2009. A achega municipal é de 8.000 euros, dos que se beneficia o proxecto do Servizo Local de Accións do Programa Europeo "Xuventude en Acción". Este servizo coordina o envío de mozos e mozas composteláns dentro do programa do Servizo Voluntario Europeo, así como a acollida de voluntarios europeos na cidade.

Medio Ambiente
En materia de Medio Ambiente, deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería do Medio Rural para a redacción do Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. A Consellería achega 5.000 euros e o Concello un mínimo doutros 5.000 euros.

Wimax para Aríns e Figueiras
Finalmente e polo que se refire ás obras do Fondo de Investimento Local (FIL), adxudicouse definitivamente a obra de dotación de acceso a internet a través da rede Wimax nas parroquias de San Martiño de Aríns e Santa María de Figueiras, por importe de 176.757 euros máis IVE e un prazo de execución de cinco meses e medio.

Documentos relacionados



Compartir: