EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música achégase ao final do curso con catro concertos

05/05/2009 Achégase o final do curso 2008-2009 e a Escola Municipal de Música preparou un programa de catro concertos nos meses de maio e xuño, que comezarán mañá, ás 20:30 horas, cun concerto de piano e violoncello na propia Escola. Á par, xa se abriron os prazos de preinscrición e matrícula cara o vindeiro curso.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou o programa de concertos, que se celebrarán os días 6, 10 e 14 de maio e o 23 de xuño. Son catro boas oportunidades para que os alumnos da Escola "tomen conciencia do espazo vital que para eles é o escenario", apuntou o xefe de estudios, Mario Diz.

O primeiro concerto celebrarase mañá, 6 de maio, ás 20:30 horas, no salón de actos da Escola. Estará protagonizado por un dúo de piano e violoncello formado por Alfonso Alegre e Sergio Gómez. Interpretarán obras de Bach, Brahms, Shostakovich e Beethoven.

A seguinte cita será un Concerto Solidario organizado polo colexio de Teo-Ramallosa o 10 Maio, as 17:00 horas. A Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela vén participando habitualmente neste Concerto Solidario no Auditorio de Galicia. Participarán tanto o coro infantil como a orquestra da Escola, que interpretarán un programa con cancións populares, obras de M. Ravel e creacións orixinais para a orquestra do profesor de clarinete Pablo Pascual.

Con motivo das Letras Galegas, realizarase un concerto dedicado á figura de Ramón Piñeiro López. Será o 14 maio, ás 19:00 horas, no auditorio da Escola, nunha actuación pública con composicións musicais creadas polo propio alumnado. Ademais, o conxunto de música tradicional interpretará pezas do repertorio galego.

E para rematar o curso, concerto final denominado Concerto Gastronómico o 23 de xuño, ás 20:00 horas. Música composta polos propios profesores do centro e unha historia guionizada para un concerto no que participarán todas as agrupacións instrumentais da Escola. Ademais destas actividades, tamén están previstos dous concertos especiais en torno ao tema dos Maios nas escolas municipais de Conxo (15 de maio) e Fontiñas (18 de maio).

Prazos de preinscrición e matriculación
A presentación destes concertos serviu tamén para que a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez, lembrara a apertura dos prazos de preinscrición e matriculación para o curso 2009/2010. De feito, ata o 15 de maio está xa aberto o prazo de reserva para os alumnos e alumnas da Escola. Estes poderán formalizar a súa matrícula do 20 de maio ao 5 de xuño.

Para os novos alumnos, a preinscrición deberá realizarse entre o 20 de maio e o 5 de xuño. Os admitidos formalizarán a matrícula do 8 ao 26 de xuño.

As listas de novos admitidos serán expostas no taboleiro da Escola o 15 de xuño. No caso de haber máis solicitudes que prazas para algún instrumento, realizaríase un sorteo.

O luns 11 de maio, ás 21:00 horas, realizarase na Escola unha reunión explicativa dos diferentes planos de estudos que se realizan na escola. Esta reunión está aberta tanto aos alumnos da escola como a todos aqueles cidadáns que queiran informarse da estrutura e funcionamento da Escola.

Neste último curso, a Escola Municipal de Música contou con 218 alumnos de todas as idades. Destacou a directora o especial interese desta convivencia xeracional e a alta demanda que presentan instrumentos como a guitarra ou o piano, que obrigan á Escola a fixar límite de prazas nalgún caso.

Compartir: