BENESTAR SOCIAL

O Concello de Santiago abre o prazo para optar a 85 bolsas de comedor escolar

05/05/2009 Ata o 15 de maio permanecerá aberto o prazo para que as familias con poucos recursos poidan solicitar bolsas para facer fronte ao custo do servizo de comedor nos centros educativos. O Concello concederá ata un total de 85 bolsas, cunha bonificación do 85% do custo mensual do comedor.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, presentou esta mañá estas bolsas, para as cales o Concello destina 70.000 euros, dos que 28.000 cubrirán o período entre setembro e decembro de 2009 e os 42.000 restantes de xaneiro a xuño de 2010. Este ano incrementouse o orzamento para estas axudas, co obxectivo de cubrir a totalidade das solicitudes con dereito a axuda. En 2008 outorgáranse algo máis de 40 axudas das 75 demandadas.

O Concello subvenciona o 85% do custo mensual do comedor porque, como explicou Mar Martín, "quérese que os pais se impliquen nesta cuestión". Non obstante, se existisen casos nos que os pais non puidesen pagar o 15% restante, a Concellería de Benestar Social ten prevista a posibilidade dunha axuda directa. Recordou a concelleira que o importe mensual do comedor nos colexios composteláns oscila entre os 75 e os 100 euros.

Ata o 15 de maio
As bases desta convocatoria foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 4 de maio. Pódense consultar no propio BOP na web da Deputación www.dicoruna.es , ou nesta páxina web na sección de Anuncios, ou recoller na Oficina Municipal de Atención ao Cidadán e na Concellería de Benestar Social e Muller. Igualmente, faranse chegar modelos de solicitude e información aos distintos centros educativos.

As solicitudes presentaranse ata o 15 de maio no Rexistro Xeral do Concello ou por calquera dos rexistros previstos pola Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, isto é, nos rexistros de calquera órgano da Administración do Estado ou das Comunidades Autónomas, rexistros auxiliares municipais, oficinas de correos...

Entre os requisitos que deben reunir os solicitantes figuran o de estar empadroados e residir no Concello de Santiago, convivir co menor para o que se solicita a bolsa, contar praza de comedor ou acadar a puntuación mínima no baremo de valoración, no que se teñen en conta aspectos sociais, laborais e económicos dos interesados e a situación social do menor.

Deberase presentar fotocopia completa e compulsada do Libro de Familia ou de Familia Numerosa; fotocopia compulsada do DNI ou NIE de todas as persoas maiores de 16 anos da unidade familiar (pasaporte, tarxeta ou permiso de residencia no caso de estranxeiros); xustificante do centro escolar no que se acredite a matrícula ou reserva de praza do alumno para o que se solicita a bolsa; certificado de empadroamento e convivencia (incorporarase de oficio ao expediente); informe de vida laboral do ano 2008 expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social e xustificante de ingresos de todos os membros da unidade familiar maiores de 16 anos.

Documentos relacionados



Compartir: