CULTURA

Literatura, música e artes escénicas na programación cultural de maio

04/05/2009 Presentouse en Raxoi a programación cultural de maio en Compostela. Na mesma destacan eventos como a actuación do cantaor flamenco Miguel Poveda, ou as representacións de danza Paraíso sete, de La Familia, e Sense Fi e Conquassabit, de Gelabert Azzopardi.

A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, comezou o repaso á programación de maio debullando a oferta musical, que vai estar encabezada pola actuación do cantaor flamenco Miguel Poveda, dentro do festival Sons da Diversidade. Ao tempo, nos centros socioculturais segue a celebrarse o ciclo Revelando Voces, que todos os sábados achega aos barrios da cidade grupos noveis que están a iniciar a súa andaina no mundo da música e toman así contacto co público de Compostela.

Dentro da música clásica continúan os tradicionais concertos da Banda Municipal de Música no Teatro Principal, cun recital especial o 17 de maio, co gallo da celebración do Día das Letras, que vai ter lugar no parque de Bonaval. Ademais, continúa o programa de abono da Real Filharmonía de Galicia coa visita dos directores Frans Brüggen, Thedor Guschlbauer e Juanjo Mena, a soprano Soojin Moon e o violinista Cho-Liang Li. Este último recital terá lugar o mércores 27 de maio e non o xoves 28, como inicialmente estaba previsto.

Trátase tamén dun mes no que as artes escénicas terán especial protagonismo, con eventos de primeiro nivel internacional. Dentro do ciclo SCQ Danza, o xoves 7, visita o Teatro Principal a compañía La Familia, co seu Paraíso sete (cabaré), no que se combinan teatro, danza, música e cabaré. O ciclo Teatro e Danza en Xira, pola súa banda, achegará ao Auditorio de Galicia o espectáculo de Gelabert Azzopardi Sense Fi e Conquassabit. Ademais, visitarán o Teatro Principal a compañía do barrio de San Pedro Carauta Teatro, con Florido Pensil, e Sarabela Teatro con Dáme veleno.

Maio, mes das Letras
No das nosas Letras non podían faltar os eventos literarios, cunha programación específica para tal celebración que vai ser presentado en datas vindeiras e na que van destacar os espectáculos de rúa. Ao tempo, continúa o programa de animación á lectura Letras Vivas, nos centros socioculturais, e as actividades da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal. No eido das artes plásticas, segue a exposición dedicada ao pintor de Vimianzo Antón Mouzo, no Auditorio de Galicia, ao tempo que na Zona "C" se pode visitar a recentemente inaugurada mostra de Montse Rego Dinero.

A edil aproveitou o acto para salientar a excelente acollida que tiveron na cidadanía compostelá moitas das propostas culturais do mes de abril. En concreto, o festival Compostela Máxica encheu o aforo do Auditorio de Galicia na celebración das dúas galas internacionais e o Teatro Principal en varias galas familiares. Tamén tiveron unha excelente recepción os espectáculos incluídos no ciclo Teatro e Danza en Xira, Emma e Urtain, este último cun cheo absoluto nas dúas funcións realizadas.

Documentos relacionados



Compartir: