NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concello de Santiago promove o emprego da lingua galega nunha nova edición do "Maio das letras"

04/05/2009 Baixo o título Maio das letras e co lema "Vive a túa lingua, vive as túas letras", a Concellería de Normalización Lingüística preparou un completo calendario de actividades para celebrar o Día das Letras Galegas e homenaxear a Ramón Piñeiro. Xincanas literarias, charlas, monicreques e unha Festa das Letras configuran o programa.

A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, presentou o programa, acompañada da técnica do departamento Marta Besada. As actividades comezarán mañá martes, ás 11:00 e 12:00 horas, cunha xincana literaria e un espectáculo con contacontos baixo o título Ramón Piñeiro na voz da xente. Celebrarase no IES Antón Fraguas e está destinado a alumnos de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º de secundaria.

A xincana repetirase no Rosalía de Castro o mércores 6, día no que tamén Pilar Freitas pronunciará unha charla sobre o seu libro A represión lingüística en Galiza. Tamén se inaugurará unha exposición sobre o tema que permanecerá aberta durante todo o mes de maio. Todo isto a partir das 19:30 horas na Fundación Gonzalo Torrente Ballester.

O xoves 7, ás 11:30 horas, sairá da Alameda unha nova edición de Correlingua, a carreira escolar pola lingua. E os días 12, 13 e 14, na Fundación Granell, representarase o espectáculo de monicreques Os Barballocas van de camiño. Nestas sesións, ás 11:00 e ás 12:00 horas, participarán alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria, que poderán gozar das aventuras destes monicreques salvadores da lingua galega.

O Día das Letras Galegas, o domingo 17, a Concellería de Normalización Lingüística preparou unha Festa das Letras, con actuacións musicais abertas –entre elas a da Banda Municipal de Música-, reparto de libros e lectura de textos. Celebrarase a partir das 12:00 horas no parque de Bonaval e coa colaboración dos colexios La Salle e Apóstolo Santiago.

O cómic e a súa linguaxe tamén terán un especial protagonismo no calendario de actividades, grazas ás charlas-obradoiro impartidas polo debuxante Fran Bueno ao alumnado de secundaria nos propios centros de ensino. Terán lugar os días 18, 19 e 20 de maio.

Reparto dun documental e de libros de Ramón Piñeiro
As actividades completaranse co reparto dun documental e de libros sobre o homenaxeado no Día das Letras polas bibliotecas dos centros de ensino. Ramón Piñeiro tamén será obxecto de diversas charlas nos centros de ensino.

Para participar nas actividades, os centros de ensino poden enviar a súa ficha de inscrición, indicando as actividades solicitadas, ao Departamento de Lingua Galega. Máis información no propio DLG: Casa do Concello. Avenida de Raxoi, 1º andar. 15705 Santiago de Compostela; no teléfono 981 542 409; no fax 981 542 410 ou no correo electrónico dlg@santiagodecompostela.gal.

Guadalupe Rodríguez rematou a súa intervención lembrando unha cita de Ramón Piñeiro, recollida na súa obra Olladas no futuro (1974): "Para que unha colectividade humana teña categoría de pobo, para que teña unha unidade íntima e transcendente, ha de ter unha alma de seu. E un pobo ten alma de seu cando posúe idioma, cando fala nunha lingua propia, que tal é o que significa a palabra idioma..."

Documentos relacionados



Compartir: