ALCALDÍA

O alcalde visita o Fogar Galego de Anciáns Domselaar e o Centro Galego de Avellaneda

02/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado do alcalde de Brión, Xosé Luís García, e do concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, visitaron o sábado 2 de maio o Fogar Galego de Anciáns Domselaar, situado no barrio de Avellaneda, en Bos Aires. Trátase dun centro de referencia na atención a persoas da colectividade emigrante que se atopan en situación de precariedade económica con capacidade para 150 persoas.

Estaba previsto que a esta visita acudise o responsable da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, para inaugurar a ampliación do centro que axudou a subvencionar este organismo provincial a través dun convenio de colaboración, pero por mor dunha operación médica non puido asistir. Sánchez Bugallo trasladou o seu afecto á directiva do centro, que agasallou aos visitantes cunha serie de gravados dun dos fundadores da institución, o artista galego Luís Seoane. O Fogar celebra este ano o seu 65 aniversario.

Nesta xornada, a delegación santiaguesa visitou tamén o Centro Galego de Avellaneda, construído en 1899, o centro galego máis antigo de Arxentina. Está previsto que o domingo 3 manteñan un encontro coa colectividade emigrante provinte dos concellos que conforman a Mancomunidade de Santiago na Casa de Vedra.

Compartir: