XUVENTUDE

O Centro Sociocultural do Ensanche acolle un ciclo de clásicos do cine de terror

30/04/2009 O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, presentou dous ciclos de cinema. O primeiro, "Os meus terrores favoritos", celebrarase do 4 ao 8 de maio, e o outro, "No Future", no mes de outubro, ambos no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche dende as 20:15 horas.

No acto de presentación destes ciclos tamén estivo o xornalista cinematográfico da TVG e Radio Galega, Moncho Lemos, en calidade de coordinador da actividade cultural. Destacou que se "son clásicos do cine de terror e fantástico que marcaron un antes e un despois dentro do seu xénero". O obxectivo da actividade é reunir nunha sala a mozos e mozas de entre 15 e 25 anos, amantes deste tipo de producións. A entrada é libre ata completar o aforo da sala.

Segundo anunciou o concelleiro, durante todo o ano haberá diferentes propostas para coñecer as novas producións cinematrográficas, así como ciclos especializados de cine e outro tipo de actividades de grande atractivo para a mocidade, organizadas dende o Concello, a Universidade ou por colectivos e entidades culturais. Tamén se organizará o primeiro festival de curtametraxes, talleres de cine ou exposicións.

"As películas proxectaranse en horarios de tarde ou reforzando o ocio alternativo de fin de semana, para fomentar a participación da xuventude compostelá", explicou Baqueiro. Ademais, os ciclos de cinema servirán para ofrecer continuidade audiovisual a Compostela e respaldar o empuxe de Cineuropa, actualizando o seu público.

Moncho Lemos destacou que con esta actividade preténdese recuperar algo tan tradicional como o intercambio de ideas e opinións tras ver unha película. Da temática dos ciclos o xornalista destacou que son películas importantes que "resumen as tendencias do seu xénero".

Cada día proxectaranse dous filmes, o primeiro ás 20:15 horas, que contará coa presentación e posterior debate, e a segunda ás 22:30 horas. En total proxectaranse cinco filmes que se alternarán nos dous horarios previstos.

Documentos relacionados



Compartir: