BENESTAR SOCIAL

O Concello promove a reinserción laboral dos colectivos máis desfavorecidos do norte da cidade

29/04/2009 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Benestar Social, Mar Martín, reuníronse na concellería de Benestar Social coas ONG´s que representan a colectivos con dificultades de inserción laboral e que traballan na zona norte da cidade para informalos do proxecto do Urbana Santiago Norte.

As asociacións que participaron na xuntanza foron COGAMI, representada por Anxo Queiruga; FUNDOSA, con Mª Carmen Iglesias á fronte; Plataforma polo Emprego, encabezada por Miguel Fenández; Cáritas, representada por Amelia Pereira Menaut; Cruz Vermella, dirixida por Fidel Martín; e IGAXÉS, que estivo representada por Luís Barreiro.

O proxecto Urbana Santiago Norte está dirixido a converter a zona norte da cidade nunha área residencialmente atractiva e plenamente incorporada ás dinámicas socioeconómicas da cidade. O programa beneficiará a 18.831 persoas concentradas en 8.000 vivendas dos barrios de Vista Alegre, Romaño, Vite, Guadalupe, Salgueiriños, San Caetano, Basquiños, Ultreia, Espírito Santo, A Estila, A Almáciga, San Pedro, Concheiros, Belvís e Quiroga Palacios.

O obxectivo é mellorar o emprego das persoas pertencentes a colectivos desfavorecidos, reducir a taxa de paro na zona e modificar a percepción da sociedade en xeral, e do sector empresarial en particular, sobre as potencialidades das persoas pertencentes a estes colectivos. Os destinatarios destas accións son persoas pertencentes á minoría étnica xitana, inmigrantes, mulleres desempregadas, parados de longa duración e discapacitados. A igualdade de oportunidades laborais, de xénero e a conciliación estarán transversalmente contidas en tódalas accións.

A inserción laboral destes colectivos de difícil inserción farase a través de convenios de colaboración con entidades sen ánimo de lucro dedicadas á formación, que desenvolverán programas integrais de inserción. As actividades previstas inclúen programas de asesoramento para persoas desempregadas de difícil inserción; deseño de itinerarios persoais de inserción e obradoiros ocupacionais.

Compartir: