CULTURA

Inaugúrase a intervención "Dinero", de Montse Rego, na Zona "C"

28/04/2009 O mércores 29 de abril, ás 20:00 horas, inaugúrarase a intervención Dinero, de Montse Rego, na Zona "C". Nesta mostra, creada expresamente para este espazo, a artista adopta o rol de xestora para realizar unha instalación arredor do binomio entre diñeiro e cama.

Montse Rego toma o papel de "perfecta xestora" para que o orzamento que ten que xestionar sexa suficiente para levar a cabo o seu proxecto, de xeito que non sobre un só céntimo e que a diferenza entre o debe e o haber sexa cero. A artista debe administrar e repartir os cartos entre os diferentes gastos: montaxe/desmontaxe, invitacións, e catering. A cantidade que reste será destinada a elaboración da obra de arte.

A obra resólvese nunha instalación arredor dun peculiar binomio: diñeiro e cama. A cama é duns poucos bens que pode posuír unha persoa que non pode ser embargado. A cama sempre foi un lugar onde se agochan os cartos, as xoias, o lugar onde baleiran as bolsas co botín os atracadores nos referentes cinematográficos.

O acto de inauguración consistirá nun espectáculo de performance titulado Menos que cero, con outro binomio neste caso: o diñeiro e os poetas. Será representado pola artista Teófila Noemí Ruíz e contará coa presenza de Socorro García Conde, concelleira de Cultura e Centros Socioculturais; de Paulo Rodríguez, director–xerente do Auditorio de Galicia, e a da artista Montse Rego.

A mostra permanecerá aberta ata o 14 de xuño de 2009 e poderá visitarse todos os días, excepto o luns, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. A Zona "C" está situada na rúa San Domingos de Bonaval, 1.

Compartir: