XUVENTUDE

O festival "Rock na Ascensión" trae a Santiago grupos consolidados da escena musical española e galega

28/04/2009 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou en rolda de prensa o festival Rock na Ascensión, acompañado por un membro da produtora organizadora do evento, Carlos Regueiro, de AKaron Films. Este festival, que se celebrará o venres 22 e sábado 23 de maio no Multiusos Fontes do Sar, está incluído dentro do programa de actividades das Festas da Ascensión 2009.

Actuarán 12 grupos españois e galegos de renome, entre os que tamén se atopan dúas bandas locais de Compostela gañadoras do MúsicaXove 2008 e 2009 na categoría de metal que exercerán como teloneiros do festival, Thinking Twice e The Codename. Os grupos do festival por orde de actuación son:

· Venres 22: Thinking Twice, Pülsar, Boicot, Rosendo, Hamlet e Reincidentes.

· Sábado 23: The Codename, Remake, Barón Rojo, Warcry, Mägo de Oz e Def con Dos.

Segundo Baqueiro, trátase dunha aposta pola música rock para atraer de novo o "interese por este estilo musical e achegar a Santiago as míticas cancións de grupos memorables do rock español". Ademais, o concelleiro de Festas manifestou a súa vontade de consolidar este festival a nivel internacional de cara ao 2010, ao igual que o Ciclo Importa D.C. e o SantiRock, tres festivais que garantizarán a presenza de grupos internacionais para o Ano Santo.

Tamén Regueiro apuntou que o Rock na Ascensión contén o cartel máis completo de rock feito en Galicia ata a data, con bandas veteranas como Rosendo, Reincidentes, Barón Rojo ou Def con Dos, ademais doutros grupos con novos traballos no mercado como Hamlet ou Mago de Oz. "É un festival pensado tanto para xente nova como para a de máis idade, que reforzará a Santiago como cidade da cultura galega" , indicou Regueiro.

Finalmente, a produtora anunciou que durante as actuación haberá varias sorpresas e sorteos de gran valor, como unha guitarra eléctrica firmada por Rosendo ou merchandising variado de todos os participantes.

As portas abriranse ás 19:00 horas e os concertos darán comezo media hora despois. As entradas xa están a venta desde e poderanse mercar de xeito anticipado en diferentes puntos de Santiago (A Reixa, Discos Gong); na Coruña (Portobello, Discos Gong, Discos Nanis); Ferrol (Discos M4); Ourense (Peggy Records); Vigo (Discos Lp, Tipo); Pontevedra (Tipo); e Lugo (Don Disco). Tamén se poden adquirir a través de Caixa Galicia (que realizará un desconto do 25% para os clientes con tarxeta Netclub). Para maior comodidade, poderanse conseguir entradas para un só día (25 euros/anticipada e 30 euros/taquilla) ou adquirir un bono para todo o festival (40 euros/anticipada e 50 euros/taquilla).

Documentos relacionados



Compartir: